A GALIZA QUE FALTA NO PARLAMENTO
Artigo de Iria López no que escribe sobre os comentarios que nas últimas semanas se veñen lendo e escoitando sobre a posibilidade de que a esquerda independentista puidera concorrer nunha candidatura unitaria ás eleccións do ano que vén.
Os tempos electorais son vertixinosos. A data das eleccións é o obxectivo último dos gobernantes, procuran proxectar dende o poder –cos medios e fondos públicos- a súa acción non para cumprir co seu cometido, senón para tentar perpetuarse no mando gañando unha e outra vez “a confianza” dos cidadáns aos que gobernan. É por iso que no terceiro ano de lexislatura xa se comeza a preparar a estratexia e cada vez as campañas e precampañas son máis longas. Exemplo dabando é o que acabamos de superar coa farsa bipartidista española. Non rematado aínda, e como adoita ser costume, os acomplexadiños gobernantes galegos trasladan o que oen en Madrid e comezan xa a prepararse para o ano 2009, aquel que tan lonxe ficaba cando o bipartito se instalou en San Caetano. Parece que foi onte…
Hai rumores da posibilidade de adiantar a data, como facía Fraga cando lle conviña, e mesmo estariamos falando de quen sabe se dentro dun ano poderíamos ter xa novo Parlamento. Sexa como for, o que parece claro é que o tripartidismo se afortalará, a imaxe e semellanza do modelo madrileño de debates e ocupación de medios. Ninguén poderá dicir entón que non se agardaba o adianto, e isto é un aviso para todo ese movemento que traballa fóra do Hórreo. Neste senso, xa houbo quen comezou a moverse, por exemplo Esquerda Unida, que comezou unha campaña para esixir que o teito eleitoral para obter representación se rebaixe do 5% actual ao 3%.
Asímesmo, véñense escoitando nas últimas datas boas vontades e predisposicións por parte de entidades da esquerda independentista galega para presentar unha candidatura conxunta que logre penetrar no Parlamento Galego. A pobreza política de Galiza reside en que no seu órgano de máxima soberanía non está representada a totalidade da poboación. Non está representado o que para a Garda Civil sería o MLNG, e se “o corpo” o di será porque existe… Non están representados os milleiros de persoas que o 17 de febreiro saíron ás rúas de Compostela para berrar “Galiza non se vende”, nin tantos outros… Se nos desfacemos de inútiles prexuízos non podemos máis que acoller de bo grao estas novas e os achegamentos –se os houber-, mais faltou tempo para que non todo o mundo o vira así. Non importa, é o momento de ir cara adiante con quen queira e deixar á beira os que non teñan intención de seguir e prefiran seguir buscando excusas no canto de pular por un verdadeiro movemento independentista forte que supere a actual división. Unha división que na práctica se reflite unicamente na opción ortográfica, pois a liña que separa os contidos programáticos é ben estreita.
Iso si, moi importante é deixar ben claros os cementos para non atopar fendas logo nas paredes. Dende a absoluta independencia e lonxe de ataduras nin disciplinas, a primeira necesidade acho que é baleirar as intencións de ideas preconcebidas e esquecerse de prexuízos e pasados que só supoñen trabas, deixar á marxe a fame de fotos e de protagonismos e pór pé na rúa para traballar. Perigoso sería caer nos erros que criticamos xa antes de ter conseguido ren. Uns mínimos que non encadeen a ninguén e unha predisposición a ceder onde sexa necesario. Ben é certo que intentos ten habido, pero non menos certo é que non faltos estamos de fracasos. Esta ten que ser a definitiva, o independentismo galego non pode adiar máis a súa presenza no Parlamento, sexa baixo o nome que sexa e baixo as siglas que sexan.
Anceiamos a visibilidade que nos falta e que ninguén nestes momentos está disposto a asumir. E se un día puideramos ser influíntes nun Goberno (da nosa Terra) e houbera que contarnos nos cálculos que hoxendía son só “a tres”? E se alguén erguera a voz no Parlamento para tentar deter a destrución da nosa Terra? E se alguén non estivera disposto a mirar para outro lado cando a vida na Ría de Ferrol se ve ameazada por unha bomba que parece que non existe para os gobernantes? E se alguén decidira falar alto e claro sobre os problemas da nosa Terra sen atender a debates importados? E se alguén se preocupara firmemente da situación da nosa lingua detendo os ataques por parte de todos os lados? E se alguén decidira propor o cumprimento da Xustiza e enxuízar aos responsábeis da vergoñenta Cidade da Cultura?
Non temos nada que perder e é preciso experimentalo. Adiante pois!!



Chúzao
del.icio.us
