O PODER DO CUARTO DO PODER
Non é a primeira vez que nos referimos á relación entre o poder e os principais medios de comunicación empresariais, sendo protagonista nesa relación as inxentes subvencións que estes reciben a cambio dun suposto uso do galego. Hoxe o Secretario Xeral de Comunicación da Xunta contestou no Parlamento Galego a unha pregunta feita dende os asentos do BNG sobre a situación do noso idioma nos principais medios subvencionados.
Que a situación está lonxe de poder ser considerada como "normal" é unha evidencia que a ninguén obxectivamente se lle pode escapar. Entendamos como normal que os beneficiarios cumpran uns mínimos, que son os esixidos para poder acceder a esas cuantiosas axudas públicas. Non o fan.
Fernando Salgado, hoxe Secretario Xeral de Comunicación e antes delegado en Lugo de La Voz de Galicia, declarou sen ningún reparo que "A decisión de publicar en galego é empresarial". Nada que obxectar a esta afirmación, mais o verdadeiramente salientábel é o que cala e non o que di. A resposta case automática que se nos ocorre sería "...e a decisión de subvencionar con cartos públicos é da Xunta". Este home é bo coñecedor das políticas tanto xornalísticas como gobernativas no tocante á relación medios - poder. Que dicirlle a un ex responsábel de La Voz de Galicia, aínda principal receptor (con moita diferenza) das subvencións públicas da Xunta, dos cartos dos nosos petos. O que omitíu Fernando Salgado nesa resposta é todo o que subxace despois: o emprego do noso idioma é para nós o de menos, o importante é ter os medios empresariais do noso lado, etc. Algo así.
O indignante destas declaracións é que a Xunta (por boca do citado individuo), recoñece que "a situación é insatisfactoria". Non, Sr. Salgado, a situación é ilegal. Ilegal e vergoñenta. Estanse destinando inxentes cantidades de diñeiro e non se cumpren os requisitos, independentemente de cales sexan estes. Pero o caso é moito máis grave á vista do compromiso dos nosos gobernantes de protexer e promover o noso idioma.
Pouco máis que engadir. Non é preciso dicir que isto non se vai corrixir e que nin tan sequera se molestaron en mentir dicindo que si o farían. Corruptos pero honestos? Nin iso. O cuarto poder é demasiado importante como para incomodalo, e moito máis ás portas dunhas eleccións que están xa á vista e para as que se precisarán de todos os recursos, de todos os opinadores, de todas as editoriais, de todas a liñas e de cada unha das columnas para obter a vitoria eleitoral. É o único que está en xogo, pois a cómoda situación ilegal que estamos denunciando non mudará segundo quen se faga co poder. De feito, a actual é herdada dos tempos do PP e non hai perspectivas de invertila.
Por pechar o relato, e enlazando co principio, todo isto co gallo da pregunta quen unha deputada do BNG realizou no Parlamento Galego. Unha desas que se chamarían preguntas "para quedar ben" pois é cando menos hipócrita se lembramos que a "comisión" creada polo bipartito para controlar as axudas á prensa confórmana representantes de catro consellarías: Economía e Presidencia, do PSOE as dúas; e Industria e Cultura, do BNG.


Chúzao
del.icio.us