Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

en galego

18/04/2008 GMT -2

A HISTORIA DE XABIER CÓMEZ NOIA, CAMPIÓN GALEGO

augasceives @ 15:28

Xabier Gómez Noia, galego e campión de triatlónAdoitamos traer a estas liñas temática deportiva cando consideramos que esta vai vencellada ao compromiso social e á realidade do noso país. Temos atendido puntualmente ás reivindicacións de oficialidade das nosas seleccións nacionais deportivas nas diferentes modadalidades así como ás prácticas agresoras contra o noso pobo levadas ao terreo de xogo. Esta fin de semana despútase en Pontevedra unha proba da Copa e Europa de Triatlón, un dos eidos nos que Galiza é potencia mundial grazas a deportistas como Iván Raña ou Gómez Noya, entre outros. Precisamente este último ten detrás del unha historia para ter presente e que reflite moitas realidades. 

Comezaremos pola síndrome consolidada do eterno complexo dos subvencionados galegos. A magnitude, a importancia e o que supón para o noso país acoller unha proba da Copa do Mundo élles allea. Non consideran necesario trasladalo á sociedade, porque abocan ao triatlón a ser deporte minoritario e non é doado coñecer o que supón para nós unha modalidade na que somos punteiros, como pode ser calquera deporte náutico (vela, remo, piragüísmo, etc.), o futbol praia, o automobilismo, o hoquei ou tantos outros afastados das luces dos iluminadores de opinión. Centran os seus esforzos en facernos seguidores de deportes alleos como a F1, o motociclismo, o tenis, o golf ou tantos outros que, merecendo todos os respectos, non teñen unha implantación na sociedade galega como para sermos realmente afeccionados; o que realmente hai son seguidores artificiais e puntuais dependendo da representación “española” nos mesmos (Alonso, Nadal, Lorenzo, etc.). Xusto é recoñecer desta vez a atención da CRTVG á proba internacional desta fin de semana na cidade do Lérez.

A principal baza galega nesta proba, neste deporte, nesta competición e nas vindeiras, é o ferrolán Xabier Gómez Noia. Un deportista que resume na súa persoa o esforzo, a superación e a loita contra as adversidades de todo tipo. Dende cativo e xa idades inferiores amosouse como salientábel no triatlón, un dos deportes máis duros pola súa particularidade de esixir un altísimo nivel en tres modalidades competitivas (natación, ciclismo e carreira a pé). Mais Xabier atopouse coa adversidade chamada Estado Español, na figura do Consejo Superior de Deportes e da Federación Española de Triatlón. Detectáronlle un problema de saúde que, segundo as instancias españolas o invalidaba para competir a alto nivel. Xabier procurou a axuda dos máis grandes especialistas na materia e solicitou que lle permitiran competir asuminando todas as responsabilidades. Os máis prestixiosos médicos negaban a versión da FETri e apoiaban ao deportista galego na súa teima e no seu dereito a competir. No tirapuxa déronse situacións cómicas, como que Gómez Noia podía competir no Estado Español (posto que a licenza válida lla outorgaba a Federación Galega de Triatlón, que sempre estivo ao seu carón e o apoiou contra os impresentábeis da española) pero non en probas fora do territorio do Reino de España (posto que para iso o tiña que facer baixo o xugo da camisola co ESP de España e non dispuña entón de licenza). Velaquí unha proba máis da importancia para os nosos deportistas de termos equipos nacionais de noso, propios e non dependentes doutros intereses.

España despreza a Xabi e, ao tempo que non lle concedían a licenza, ía gañando todos os campionatos estatais nos que ía participando. Non foi suficiente e a teima, quizais alimentada pola xenreira, medrou contra o ferrolán. Debido a un erro administrativo, participa e gaña unha proba do mundo de duatlón no ano 2003, ao que a FETri responde retirándolle a licenza para competir. En novembro dese mesmo ano, e grazas ao experto internacional McKeena (que sempre apoio a Gómez Noia) a FETri cede e devólvelle a licenza a tres semanas do Campionato do Mundo, unha proba na que o atleta galego non tiña previsto competir (estaba de vacacións) pero que grazas ao novo xiro decide tomar parte. Malia isto, Xabier gaña o mundial sub 23! A superioridade do noso triatleta é tan insultante como a mediocridade da Federación Española de Triatlón e do Consejo Superior de Deportes.

O panorama aclárase para o campión galego e, xa con liberdade para competir internacionalmente, reorienta a súa vida persoal centrándose na preparación dos XXOO de Atenas ’04. As posibilidades de trunfo eran máis ca reais, incluso era previsíbel un podio galego da man do daquela indiscutíbel dominador do triatlón mundial: Iván Raña, un de Ordes. Mais as represalias non remataran. O director técnico da FETri decide non incluír a Gómez Noia no equipo para os XXOO, malia ser obxectivamente un valor seguro e un dos mellores triatletas do Estado. Cando dicimos obxectivamente referímonos aos resultados de Xabier nese ano 2004: subcampión de España (por detrás de Raña: podio galego en Madrid…), campión de España en duatlón e triatlón sub 23, abondosos trunfos en distintas probas, etc.

Gómez Noia continua adestrando e preparándose para demostrarlle aos que o desprezaron que pode ser o máis grande da súa disciplina a todos os niveis. Porén, e sen ningunha mudanza na súa situación, o CSD retíralle de maneira definitiva a licenza para competir a poucos días de viaxar á outra beira do Atlántico para o comezo da Copa do Mundo (coas probas de México e Hawaii). O golpe é durísimo porque ademais iníciase unha persecución contra a súa persoa inpedíndolle mesmo competir baixo a responsabilidade doutras federacións doutros países. O organismo español négalle a entrada no Centro de Alto Rendimento de Barcelona e vétao incluso en competicións en España. Co caso “pechado”, Gómez Noia continua adestrando co apoio dos seus, dos afeccionados, dos médicos da Federación galega e das autoridades deportivas da Xunta agardando poder atopar algunha solución. Non lle faltan oportunidades para reivindicarse, como fai nunha competición privada en Francia (France Irontour) na que supera aos mellores rivais.

Os máis prestixiosos cardiólogos do mundo seguen avalando a Gómez Noia, a presión do mundo do triatlón e o incomprensíbel do caso fan que en febreiro de 2006 o ferrolán obteña definitivamente a licenza para poder competir. Non perdeu o tempo Xabier, máis ca o que lle fixeron perder os dirixentes españois, e gañou a Copa do Mundo dese ano (con tres trunfos parciais e numerosos podios) e a do ano seguinte (2007) cunha superioridade asoballadora. Campionatos de Europa, clasificacións internacionais e mesmo na cimeira da carreira cara os XXOO do vindeiro verán. Este ano impúxose nas dúas primeiras probas (Nova Celanda e Australia) e mañá será o máximo favorito na súa casa, en Pontevedra.

Faga o que faga Xabier Gómez Noia é xa un símbolo do deporte galego, da loita, do sacrificio e do esforzo. Un símbolo da resistencia e da non cesión nun empeño, da persecución dun soño e da vitoria do mellor fronte aos mediocres e misarábeis, noxentos e cheos de nada bo. Parabéns por todo, campión!

Adiante o deporte galego!

Adiante os nosos deportistas!

fonte: www.javiergomez.net

Comentarios non permitidos para este Post

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis