LUME E DISTURBIOS NUNHA SITUACIÓN CADA VEZ MÁIS INSOSTÍBEL
O polígono lugués do Ceao foi escenario esta mañá dun episodio máis da revolta gandeira, máis necesaria ca nunca especialmente no sector do leite. Preto de 3000 gandeiros, convocados polo sindicato UU.AA., concentráronse ás portas de Leite Río. Alí agardábanos ducias de antidisturbios (máis de 80 segundo algunhas fontes) dispostos a aplicar a receita de represión contra os movementos incómodos e contra aqueles que esixen un mínimo de xustiza social, algo utópico con este modelo neoliberal que nos afoga. Hai que dicir, como non, que non aforraron en paus contra os manifestantes.
O lume das barricadas e os enfrontamentos contras as grilleiras e os efectivos policiais e violentos do Estado anunciaban o estado de tensión máxima dun sector que non está a facer máis ca loitar pola súa supervivencia e por garantir un futuro que arestora se presenta moi complicado. A baixada unilateral dos prezos do leite en orixe por parte das grandes empresas está a deixar nunha situación moi complicada ao agro galego, principalmente, como diciamos, a un dos produtos nos que Galiza é punteira en produción: o leite. Mentres isto acontece, seguimos sen novas dende o Pazo do Hórreo.
O dono de Leite Río, o empresario lugués Xesús Lence, é acusado polos produtores de ser un dos principais artífices desta situación ao decidir baixadas nos prezos verdadeiramente insostíbeis para os gandeiros. Neste caso, até nove céntimos por litro en tan só uns meses. Non está demais lembrar outras fazañas deste individuo, como a súa responsabilidade directa nun delito ecolóxico que deu como resultado a masiva morte de peixes no río Tórdea logo dun vertido da empresa láctea que dirixe en setembro de 1999. A condena foi de catro anos de prisión, pero…
Dende AugasCeives o noso total e incondicional apoio á loita gandeira e o noso máis firme desprezo por aqueles que coas súas políticas e ambicións afogan o noso agro. Adiante a revolta do leite!


Chúzao
del.icio.us
