Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

25 DE ABRIL, SEMPRE!

augasceives @ 04:46

25 DE ABRIL, SEMPRE!Pasaban 20 minutos da medianoite do 25 de abril de 1974. En Radio Renascença soaba Grândola, vila morena. Era o sinal para que as tropas máis afastadas de Lisboa comezaran o avanzo cara a Capital, comeza a xa imparábel Revoluçao dos Cravos que remataría coa Ditadura de Salazar.

O pobo é quem máis ordena é xa unha estrofa clásica, o Zeca Afonso é o cantautor da Revolución en Portugal, os craveis vermellos completan a fermosa simboloxía revolucionaria.

 

O fascismo asolagaba a Península Ibérica da man das ditaduras de Franco e Salazar. En España só a morte rematou co personaxe para dar paso a unha suposta Transición que daría pé a unha seudodemocracia baseada aínda nos cimentos daqueles anos. En Portugal, un grupo de militares pacifistas encabezaron os desexos de liberdade do pobo e dirixíronse cara o pazo gobernamental para pór fin ao fascismo en Portugal. Milleiros de persoas acompañaron os carros blindados polas rúas portando na man craveis vermellos, flor que deu nome á revolución. Houbo catro vítimas civís polos disparos da Policía, que non foron suficientes para deter o avanzo.

Coa fin do réxime iníciase o camiño cara a democracia de carte pretendidamente socialista, céibanse os presos políticos e tornan os exiliados. Ponse fin ao imperio portugués e estáblecese a independencia das colonias africanas como Angola ou Moçambique. Comeza un periodo convulso, con tentativas golpistas e desputas entre a esquerda e a dereita política para facerse co control dun país sumido no atraso por mór dos anos anteriores de ditadura. Finalmente, e logo das eleccións de 1976 e de moita tensión, os militares foron despoxados do poder e as forzas máis moderadas –e máis votadas- colleron o temón do país.