NO NOME DO DEUS MERCADO
Recollemos hoxe as palabras do Anxo Bérres que dende a súa óptica dalle unha outravolta ao punto de vista que nos apresentan dende o sistema para analizar a realidade mundial.
Tomando unha última cunca antes de retirarme a xantar escoito de fondo o televisor, son as duas e media da tarde, e comeza o telexornal na canle pública galega. A presentadora empeza dando “as últimas novidades do atuneiro vasco, con varios mariñeiros galegos a bordo, que acaba de ser asaltado por piratas en fronte as costas de Somalia”. Logo de falar con algunha das familias galegas, comeza a lección do sistema: relacionan estes últimos “asaltos piratas” nas augas do mundo e principalmente en Somalia co gran inimigo, de hoxe en día, que ten nome e apelidos: Al Qaeda-Islamismo radical. Rematan, logo de escibir a historia a maneira que gusta de ser escoitada polos amos do imperio mundial, con algúns consellos para evitar este tipo de asaltos: segundo os peridistas a única solución pasa porque os barcos que saian a faenar polas augas do mundo fágano con escolta militar!!!
É así o conto de todos os días: a televisión encárgase de que as torres xemelgas volvan a derrubarse unha vez tras outra. Para vender as súas guerras, o mercado sementa medo. Aparece o aparello militar, burócratas da dor que actuan ao servizo dunha xigantesca máquina de picar carne humana. Mentras a economía, ademáis de guerras preventivas(Hitler foi o primeiro en utilizar este termo), comete atentados que non saen nos medios de desinformación masiva: cada minuto mata de fame a doce nenos. Na organización terrorista do mundo, que o poder militar custodia, hai mil millóns de famentos crónicos e seiscentos millóns de gordos. Até cando seguiremos a crer no conto do agresor agredido, que practica terrorismo porque ten dereito a defenderse do terrorismo. Acaso non son terroristas os métodos dos altos organismos internacionais, que a escala planetaria dirixen as finanzas, o comercio e todo o demais? Acaso non practican a extorsión e o crime, aínda que maten por asfixia e fame e non por bomba? Non están esnaquizando os dereitos dos traballadores? Non están asasinando a soberanía nacional, a industria nacional, a cultura nacional? Quen enche de guerras e armas o planeta, e por ende, a eses que eles chaman piratas? Un dato, penso eu que importante, os cinco maiores fabricantes de armas son: EE.UU, Reino Unido, Francia, Rusia e China, que ademais comparten o poder de veto na ONU, algo así coma a gran familia que nos reune a todos e na que o ter o poder de veto significa ter todo o poder.
No mellor dos mundos posíbeis as persoas de carne e oso somos para os economistas, números. Para os banqueiros, debedores. Para os tecnócratas, molestias. E para os políticos, votos. O perigosímetro e o culpómetro son os aparellos que elixen ás vítimas no tiro ao branco universal. Os pistoleiros do capital executan as ordes do mercado, quen virá despois de Iraq? Mentras… a industria da ciencia ficción tece unha outra historia para xustificar a carniceria humana no nome do DEUS MERCADO. Amén.


Chúzao
del.icio.us