Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

LEMBRANDO AOS MÁRTIRES DE CARRAL: A HISTORIA QUE NON NOS CONTARON

augasceives @ 12:04

O mes de abril está cheo de datas a conmemorar no almanaque galego. Vennos á mente o día 25, no que lembramos a Revoluçao dos Cravos coa que o pobo portugués se desfacía da Ditadura de Salazar. Esta é unha data que vemos moito máis próxima ca outras impostas dende os alamanaques coloniais españois. Mais neste mes da primavera en Galiza temos que lembrarnos tamén da primeira revolta significativa coa reclamación da nosa identidade diferenciada por bandeira. En 1846 tiña lugar o levantemento contra o Goberno Español, que xa daquela facía bo uso da represión para respostar con mortos aos anceios galegos de liberdade: os Mártires de Carral.

 

Boa mostra da historicamente esperpéntica monarquía española atopámola xa por aquela altura, na que reinaba unha nena de trece anos: Sabela II. O 2 abril producíase o levantamento en Lugo do batallón de Solís en resposta á dura ditadura do Xeneral Narváez, presidente do Goberno Español. A primeira medida é a disolución do Consello Provincial e a Deputación. En datas seguintes fóronse sumando á revolta outras vilas e cidades galegas, que acadaron a máxima expresión cando, o 15 de abril, se constituía en Compostela a Xunta Superior do Reino de Galiza. O obxectivo era recuperar os dereitos suprimidos por Narváez e conquerir un trato de xustiza para o noso país, que xa daquela se comezaba a ver como “colonia da corte”. Abofé que pouco mudou dende aquela.

Madrid mandou a Galiza tropas para deter a revolta. A superioridade militar española con respecto á resistencia galega esmagou a dignidade do levantamento. As tropas saquearon Compostela logo da Batalla de Cacheiras. O coronel Solís foi condenado a morte e executado na Igrexa Parroquial de Paleo, no concello coruñés de Carral. Sen chegar até alí (polo camiño) foron asasinados outros once compañeiros.

A primeira e fracasada revolta galega foi o camiño que non se puido seguir para pór rumbo cara a liberdade deste pobo. As políticas represoras e mesmo continuístas do xenocida Narváez foron unha constante na historia no tocante á relación Galiza – Estado Español. Se analizamos polo miúdo de seguro que non se presenta dificultade en atopar máis dun paralelismo entre estes feitos outros que aconteceron en anos posteriores.

Estes feitos pasaron á historia como o xermolo do chamado “provincialismo” galego, un movemento que tivo en figuras como Antolín Faraldo, Francisco Añón ou Manuel Murguía os seus referentes máis destacados. En realidade, e independentemente dos nomes que se lle queiran dar, a conciencia nacional galega estaba ben presente na ideoloxía dos citados e xa do pobo, consciente da definición de Galiza como unidade histórica, cultural e lingüística; e polo tanto, merecente de relevancia no contexto Ibérico. A resposta ao desprezo co que eramos tratados era rachar coa dependencia, a necesidade primeira era a procura da descentralización do Estado Español. Albiscábanse xa os primeiros trazos necesarios para argumentar a necesidade da autodeterminación do noso pobo: conciencia clara do feito diferencial baseado na existencia de lingua, cultura, costumes, tradicións e modelos socioeconómicos propios. O movemento “provincialista” prendeu os ideais nacionalistas en círculos intelectuais e foi o que deu pé ao Rexurdimento da man de Pondal, Curros ou Rosalía entre outros.