CONTUNDENCIA GANDEIRA
É tempo de revolta no agro galego. A situación achégase cada vez máis á insostibilidade e comeza a ser crítica no sector leiteiro. As promesas de revitalización do rural feitas polo Goberno Galego levan o mesmo camiño que comezara a Xunta de Fraga: a desaparición. Esta mañá Compostela acolleu unha contundente manifestación que deixa ben ás claras que o agro galego non vai aceptar máis pasividade e políticas exterminadoras dos gobernantes. O que está en xogo é o futuro.

Máis de dez mil gandeiros chegados dende todos os puntos da xeografía galega atenderon á convocatoria unitaria dos tres sindicatos gandeiros galegos. Hai que incidir na importancia deste factor pois como ben é sabido, cada unha das tres organizacións agrarias é afín a cadanseu dos tres partidos políticos do Parlamento Galego. Dito isto, parece evidente logo que o goberno da Xunta ten “a bola enriba do seu tellado” e correspóndelle respostar con medidas efectivas. As grandes empresas do leite axexan dende a sombra temerosas de teren que recurtar os seus inxentes beneficios, mais convencidas de que o poder política non lles ha fallar.
Preto de trinta mil explotacións (entre leiteiras e carne de vacún) están en risco se non se revisan as condicións que as están a afogar. Nos últimos meses o prezo que se paga ao produtor de leite
caeu en picado (manéxanse medias de 9 céntimos por litro, mais sábese
que hai casos que deixan en cativa esa cifra) mentres que os custes de produción experimentaron unha agresiva suba do 35%. Simplemente letal.
As consignas foron claras: esíxese un acordo inmediato que garanta a supervivencia do sector. Tan clariño coma iso, tan dramático como a vida ou morte do noso sector primario, dun sector punteiro da nosa economía e do que ao longo da Historia foi do que este pobo viviu. Correspóndelle agora á Consellaría de Medio Rural, a toda a Xunta de Galicia por tratarse dunha política necesariamente transversal, establecer medidas e sentarse con todas as partes para afrouxar a soga que os gandeiros galegos teñen ao pescozo.
Adiante a loita gandeira! Nin un paso atrás!


Chúzao
del.icio.us
