Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

PRIMEIRO DE MAIO

augasceives @ 14:01


O Primeiro de Maio é o Día Internacional da Clase Traballadora. Galiza, como pobo obreiro que é, conmemora esta data como unha xornada de loita e reivindicación dos nosos dereitos. Cómpre, antes de situar a xornada de hoxe no marco das circunstancias actuais, lembrar as orixes desta data.

 

Miramos cara a 1886 e brincamos até os Estados Unidos de América, á cidade de Chicago. Alí, a represión policial asasinaría a seis dos obreiros en folga que reclamaban unhas condicións de traballo dignas e o freo á explotación esaxerada á que estaban sendo sometidos. É curiosa a semellanza que gardan estes feitos cos acontecidos o dez de marzo de 1972 en Ferrol, e tamén a paridade das celebracións que estes tráxicos acontecementos pariron en Galiza e no Mundo.

Neste Primeiro de Maio temos que seguir a falar un ano máis de precariedade, desigualdade, accidentes laborais, recortes de dereitos, represión sindical, salarios mínimos, etc. Mais hoxe estamos sumidos na crise, que xa non nega ninguén e que consiste basicamente no mantemento e mesmo medra dos beneficios das grandes empresas, no encarecemento da vida, na suba dos prezos e no estancamento dos soldos dos traballadores. A resposta obreira non pode ser outra ca demanda de postos de traballo dignos, estabilidade na contratación, supresión da subcontratación, garantías sociais e salariais, aumento do poder adquisitivo, etc. Por enriba de todo, a non conformidade coa situación actual que xera riqueza para uns poucos e esmaga os dereitos dos traballadores minguando a súa capacidade salarial. Contra a precariedade e a explotación non caben dúbidas.

O modelo socioeconómico actual, o imposto polo neoliberalismo é a todas luces insostíbel. A cadea de transmisión non funciona sen o traballo en orixe e os beneficios non poden seguir medrando ao tempo que empeoran as condicións dos traballadores. Un mesmo salario non pode soster unha familia se os prezos medran cada día máis e os propios soldos fican conxelados. Apuntamos ao conglomerado patronal-gobernos e denunciamos a complicidade dos sindicatos estatais sumisos ao poder. Únicas vítmas: os traballadores e traballadoras.

Sempre como fondo, a reclamación dun marco galego de relacións laborais que nos permita ter voz propia nos asuntos que nos afectan e, tamén neste eido, decidir aquí sobre o noso!

Adiante a clase taballadora! Nin un paso atrás!