Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

NOVIDADES

augasceives @ 17:56

Logo de máis dun ano na rede, AugasCeives pode presumir fachendoso de ter chegado a ser un dos referentes de información de Galiza máis independentes e libres de entre os que se poden atopar entre os dixitais con menos posibilidades. Están sempre presentes as dificultades de manter unha completa cobertura de todo o territorio nacional e consideramos que a oferta queda moitas veces coxa. Ben é certo que non nos debemos a ninguén, polo que isto é máis unha incomodidade persoal ca un compromiso con terceiros.

Dende a comarca de Caldas estivemos atentos a todo canto ía acontecendo no país e podía ser relevante para o interese social. Desgrazadamente, un dos nosos referentes informativos foi ter que dar conta de ataques á nosa terra e a destrución da nosa paisaxe por parte dos especuladores e políticos cuxo único guieiro é o diñeiro. Ben é certo que non faltamos tampouco ás mobilizacións sociais precisamente en pé contra esas ameazas.

Dende esa independencia que nos vén caracterizando, decidimos agora darlle outravolta a este proxecto de AugasCeives. Estamos a piques de parir unha nova criatura e ampliar así a rede de información dende a óptica que caracterizou sempre esta fiestra.

AugasCeives vai seguir vivo, aínda que quizais menos activo e nutríndose maiormente de opinión. Non por iso vai perder o fío do máis importante que aconteza no país. A meirande parte dos esforzos han concentrase agora na nova peza do aparello AugasCeives: unha versión comarcal co protagonismo de Caldas de Reis, Catoira, Cuntis, Moraña, Pontecesures, Portas e Valga. Esta volta aos comezos non é nin moito menos un retroceso, senón un anceio de pórlle voz á realidade das nosas terras e facelas protagonistas. En vindeiras datas habemos de ir achegando máis novidades até presentar definitivamente o noso novo voceiro.

Un saúdo.