Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

17 DE MAIO

augasceives @ 19:24

Como cada ano, o mes de maio énchese de letras. Xira arredor do día 17, o Día das Letras Galegas. Como cada ano, unha figura da nosa literatura é homenaxeada e promociónase de xeito intenso a súa vida e obra. Ten especial importancia a actividade nos centros de ensino, que polo xeral adoitan programar unhas semanas previas bastante intensas en canto a actividades relacionadas coa promoción do noso idioma. Ben sabido é que o autor homenaxeado neste 2008 é o poeta, historiador e editor Xosé María Álvarez Blázquez.

Non é complicado atopar datos biográficos na rede, polo que imos aforrar aquí en descricións loubanzas cara o homenaxeado. No que queremos facer fincapé é nesoutra faciana, noxenta e repudiábel, que representa este día ano tras ano.

Trátase do folclorismo de escaparate co que nos agasallan os de sempre, os que nin a nosa lingua empregan acotío pero que manexan inxentes subvencións para unhas e outras entidades e medios de comunicación. As grandes terminais propagandísticas, esas que cada dezasete de maio se converten nos garantes de supervivencia do noso idioma sendo editados en galego. Desprezamos os actos, as leis oportunistas e as declaracións dos "defensores lingüísticos" na semana das letras que falan como se se estiveran dirixindo a cativos de sete anos aos que poden enganar cun discurso cheo de emotividade "nun día tan importante para todos os galegos". Que credibilidade pode ter o Delegado do Goberno Manuel Ameixeiras nun acto institucional con motivo do Día das Letras Galegas?

Tampouco nos enganan os que durante todo o ano sosteñen a cruzada antigalega e esta semana se visten de galeguistas (iso si, harmónicos!). Reparemos no que hai detrás destas representacións teatrais, no día a día da "política lingüística" da Xunta: ollade os datos nesta ligazón, e agora mira a realidade cotiáQue teñen que dicir a isto os actores e actrices desta dramática farsa que leva ao cementerio á nosa lingua? Sra. Marisol López, por incapacidade manifesta debe vostede dimitir!

Aínda que soe a tópico, a realidade dinos que cada día é máis certa a necesidade e o obxectivo:

NON QUEREMOS UN DÍA DAS LETRAS GALEGAS, QUEREMOS UN VIDA EN LETRAS GALEGAS!!