Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

en galego

23/05/2008 GMT 2

O CONFLITO CEDONOSA

augasceives @ 19:33

Como anunciabamos, bota a andar Terras de Caldas. E faino dando conta doutro conflito laboral dos que se prevén moitos coa chamada "crise", froito e responsabilidade unicamente do sistema neoliberal e ultracapitalista ao que estamos sometidos. Cedonosa é unha empresa instalada en Catoira dende hai máis de medio século que agora está ás portas do peche. Afectados? 87 familias.

[de Terras de Caldas] 

A actualidade comarcal nos últimos meses pasa necesariamente polo conflito de Cedonosa (Catoira), na que como é habitual nestes casos os afectados son os traballadores. Facemos un pequeno resumo do acontecido nestas últimas semanas até o día de hoxe.

Cedonosa ten a súa central en Catoira e dende fai cincuenta anos elabora e comercializa gres. A súa produción é salientábel e pasa por ser unha das industrias referentes na contorna. A empresa posúe outra fábrica na provincia española de Teruel, na que centra agora os seus investimentos. O pasado mes de abril, os responsábeis presentaban a suspensión de pagos, que lle ía afectar a 87 familias (chegou a contar con 600 empregados). A nova foi un duro golpe para a veciñanza de Catoira. O pobo respostou na manifestación do Primeiro de Maio amosando o seu apoio incondicional aos traballadores, xa o fixeran os representantes municipais aprobando unha moción de apoio.

A empresa presentou un plano de viabilidade que incluía o despedimento de 37 traballadores. A tensión foi en aumento e sucedéronse as xuntanzas entre a representación sindical e as distintas administracións para tentar atopar unha saída ao conflito, mais as previsións non foron boas dende o comezo. A situación económica é moi negativa e proba diso é o feito de que a empresa eléctrica lle cortara a subministración a Cedonosa por impago. Non é preciso dicir que a situación dos traballadores pasa a ser moi dura pois teñen que acudir todos os días ao centro de traballo sen poderen realizar a súa actividade, nin por suposto cobrar. Onte mesmo comezaron as concentracións diante da fábrica para reclamar a recuperación da electricidade. A resposta foi inmediata xa que pola tarde restablecíase a subministración.

Pola súa banda, a dirección da empresa segue sen amosar nin a máis mínima intención de atopar unha saída: o seu obxectivo é trasladar a produción a Teruel. Por se fora pouco, a súa actitude é de absoluto escurantismo e négase constantemente a achegar a información que reclaman os traballadores. Cómpre dicir que a actitude do plantel é loábel pois a súa intención é restablecer a produción para poder demostrar a viabilidade da empresa.

A saída ao conflito non se prevé doada. A liberdade da que goza o empresariado neste sistema feito por e para eles permítelles este tipo de manobras impunemente xogando cos salarios dos que dependen moitas familias. A fin e ao cabo, contribuíntes que achegaron a súa tributación para que as administracións encheran de subvencións públicas a esta como a outras empresas que despois respostan así. A historia repítese con demasiada frecuencia e xa nos é coñecida.

Comentarios non permitidos para este Post

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis