MARIÑEIROS A TERRA
Máis de 10.000 mariñeiros de todo o Estado Español manifestáronse onte diante das dependencias do Ministerio de Medio Mariño en Madrid. Por enriba dun terzo deses eran galegos, o que da unha idea do peso específico do noso sector non só para o noso país senón a nivel estatal. A situación é xa insostíbel e a día de hoxe xa non é rendíbel saír ao mar. Os custes, especialmente o prezo do combustíbel, fai que a subsistencia sexa moi complicada.
Os manifestantes, así como todos nós, demandaron a demisión da Ministra de Pesca pola súa manifesta incapacidade para facer fronte á situación actual. Non todo se pode solucionar dicindo que hai “crise”, porque aos gobernantes, empresarios e millonarios esa non lle afecta; pero aos traballadores pode deixalos sen pan. Os dirixentes, tanto galegos coma españois, non están a buscar medidas para frear os efectos desa “crise” mentres os de sempre seguen a encher os seus petos indiscriminadamente e sen límite ningún.
A pasividade do Goberno Español é alarmante. No caso do galego xa sabemos que só se move para facer mal, non lle imos pedir algún tipo de resposta porque os seus intereses son os dos que gañan, non os de mariñeiros e traballadores. É necesario un control sobre a mercadoría que chegada de fóra lle está a restar espazo á autóctona a custes moi inferiores. Precísase unha política de establecemento de prezos mínimos que garantan seguridade para os mariñeiros.
Necesítanse, en xeral, medidas que afrouxen a soga dos traballadores e procuren nos petos das rendas máis altas as solucións aos buratos da “desaceleración”, como diría o Ministro dos Cartos. Un deses que dificilmente xestionará ben a crise cando a el non lle afecta nin a coñece.






Chúzao
del.icio.us
