A LOITA POLA SUPERVIVENCIA
O sector pesqueiro organízase para defender a súa supervivencia. A unión é total e logo da manifestación do pasado venres en Madrid, as mobilizacións continuarán nos vindeiros días e as medidas de presión non se han facer agardar. Hoxe mesmo, mariñeiros de toda Europa protestaron en Bruxelas pola delicada situación do sector. Unhas protestas que remataron en violentos disturbios logo das correspondentes cargas das Forzas de Seguridade.
No noso país, as reclamacións van en dúas direccións: contra a desproporcionada suba do prezo do combustíbel e contra as exportacións incontroladas que afastan o produto autóctono do seu espazo no mercado. As administracións teñen a obriga de velar pola supervivencia do sector, e ningunha o está a facer con verdadeira vontade. Non podemos esquecer que boa parte dos prezos que os usuarios pagamos polos combustíbeis van parar aos petos do Estado en forma de impostos de todo tipo. Por outra banda, o libre mercado sen control non beneficia para nada aos produtos que os nosos mariñeiros achegan aos portos senón aos que chegan de lonxe.
De entre as medidas que prevén, ademais do paro total da flota tanto de altura coma de baixura provocando así o desabastecemento das lonxas, sábese que bloquearán os portos e aeroportos polos que o peixe de fóra.
A tan anunciada “crise” xa está sobre nós. Coma sempre son os traballadores e primeiros produtores os que a están a padecer máis directamente. Non lle afecta, ou faino en menor medida, ás grandes empresas
ou aos máis ricos. Hoxe están os mariñeiros nas primeiras dos medios empresariais, mañá serán os transportistas, e quen sabe se pasado mañá seremos todos… O incremento dos custes da vida non é proporcional aos dos soldos, e os sindicatos maioritarios están máis á beira ca nunca dos empresarios e gobernos. Quen ten que tomar as medidas para facerlle fronte aos efectos do que deron en chamar “desaceleración” non o fai e segue instalado no seu mundo, afastado da crúa realidade.
As frontes abertas son moitas. A sociedade civil non pode ilusionarse co que nos tentan vender porque as súas primeiras necesidades son o vivir dignamente día a día ou o defender o medio no que vive fronte ás infames políticas dos dirixentes que ten que manter. Ninguén pode albiscar como rematará todo isto.






Chúzao
del.icio.us
