Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

# Augas Ceives

pola nosa lingua_en pé

05/06/2008 GMT -4

OS TRABALLADORES DE SERRABAL DEFÉNDENSE

augasceives @ 10:29

Un dos conflitos que seguen vivos no país é o de Serrabal. Hoxe vivimos un novo capítulo de resistencia de traballadores en defensa dos seus postos de traballo. Esta mesma mañá, un cento de traballadores concentrábanse en Boqueixón para impedir o acceso dos técnicos do ADIF (de novo o organismo público español no eixo dos problemas) á mina co obxecto de dar comezo ao trazado do TAV.

 

Dende que se coñeceu o trazado, os traballadores opuxéronse contundentemente xa que se verían afectados cincocentos postos de traballo (en Cee, Dumbría e Sabón; ademais do propio centro de traballo situado entre Vedra e Boqueixón). Neste caso sería preciso conxugar os intereses públicos coa preservación dos postos de traballo, mais iso suporía restarlle poder e restrinxir o ámbito de poder do empresariado e ben sabemos que iso é tan utópico como impensábel. E habería que telo feito hai moito tempo…

A solución parece sinxela, pois segundo os propios traballadores abondaría co desvío de só uns metros do trazado. Estes levan emprendido outras accións, como o impedimento da sinatura das actas de expropiación dos terreos e xa afirmaron que han seguir cortando o acceso mesmo facendo quendas de vixianza.

A política social que prometera o “goberno de progreso” instalado na Xunta de Galicia está aínda desaparecida, seguimos agardando por ese xiro que seica ía mudar o capitalismo salvaxe e o neoliberalismo franquista (conxunción feita posíbel por Fraga Iribarne) no que o os postos de traballo son tan só accesorios nunha economía de mercado. Ao igual ca noutras materias Galiza segue a agardar polo cambio, mais é consciente e sabedora que non ha chegar. Por iso, as mobilizacións ocupan as novas todos os días, aínda que nos medios empresariais se fale de propaganda institucional…

Comentarios non permitidos para este Post

Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis