PASIVIDADE, VIOLENCIA, CAOS.
Vimos repetindo dende fai días, sen facer máis ca expresar o sentir da sociedade, que a situación achégase a un punto de insostibilidade que lle pode dar carácter de imprevisíbel aos acontecementos. A crise pode derivar en ninguén sabe ben qué. As folga do transporte, o amarre da flota, o desorbitado prezo dos combustíbeis, o previsíbel desabastecemento dos mercados… perigo! A resposta dos gobernantes ten dúas caras: pasividade e violencia, malia que pareza incoherente e contraditorio, son capaces disto e de moito máis.
Os actos centrais das protestas estaban no día de onte centrados na manifestación da Coruña, na que os mariñeiros comezaron a tomar as rúas e a pechar as lonxas. A semana vindeira a práctica totalidade da pesca galega estará parada, así se confirmou esta mesma mañá logo que de que as confrarías que faltaban por decidir confirmaran que se han sumar. Preto de cinco mil mariñeiros (e as correspondentes familias afectadas) fixeron visíbel onte na cidade coruñesa a esixencia inmediata á Ministra española de Pesca que tome medidas, así como á propia Conselleira e a quen corresponda. E non van (imos) aceptar que se desculpen apuntando á responsabilidade da UE (que tamén a ten), pois eles mesmos aceptaron cederlle o mar de competencias que agora non teñen. Sexa como for, o Goberno Estatal ten na súa man un amplo abano de solucións a aplicar. O prezo do crú, as exportacións incontroladas, o desfase de prezos entre a lonxe a venda final, etc. A liberdade de mercado e a inmensa marxe para os intermediarios están de novo detrás dos problemas.
As protestas nas lonxas e portos espalláronse polo país. Pero foi en Vigo onde se viron as imaxes
máis alarmantes. Alí estaba a Ministra de Pesca, o Presidente da Xunta e a habitual comitiva de moscóns que adoitan levar ao seu redor. Era evidente que alí habería concentracións de protesta para a amosarlle aos “socialistas” que non padecen a crise e que non pagan o carburante do coche oficial que non hai asentos para sentar mentres eles seguen como se nada coa súa axenda propagandística. A imaxe da desesperación foi a protagonizada por varios dos presentes que se botaron ao mar para chegar ao barco que trasladaba á vomitiva comitiva ás Cíes. Apareceu a violencia legal para agredir brutalmente a todo aquel que se puxera no radio de acción das porras da xustiza, as cargas brutais e indiscriminadas xa por todos coñecidas e habituais nestes casos (xa non son só en manifestacións, partidos ou contra a mozos radicais) deron con tres feridos de gravidade e un axente que probou da súa propia menciña. A violencia extrema coa que se empregan sementan o caos alí onde haxa unha resposta social, mesmo se é de traballadores en situacións de extrema complicación como é o caso. Esta é a resposta do Partido Socialista Obreiro Español, este é o silencio do Bloque Nacionalista Galego. Esta é a complicidade do goberno de esquerdas.
A nosa solidariedade cos civís agredidos.


Chúzao
del.icio.us
