Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

# Augas Ceives

pola nosa lingua_en pé

10/06/2008 GMT -4

INFORME DO VENTO EN GALIZA

augasceives @ 12:04

Alberte Outeiro presenta un detallado informe arredor da situación actual no sector eólico en Galiza. A Consellaría de Innovación e Industria vai sacar a concurso a maior convocatoria de megavatios endexamais coñecida en todo o Estado Español. Sombras como a da especulación ou a afectación ao medio non se afastan e xa se preparan as poutas máis depredadoras para "botarse ao monte".

 

A Consellaría de Innovación e Industria sacou a poxa o vento galego. É unha das nosas potencialidades máis prezadas e o Goberno Galego sábeo, polo que, baixo a manta de fume de “ordenación do sector” ideou un plano ao que xa se sabe que concorrerán non só as multinacionais máis potentes do sector, senón os empresarios máis famentos de dividendos. A enerxía renovábel é unha cobizosa alternativa para os especuladores, agora máis ca nunca á vista da crise no sector da construción no que se fixeron fortes. A idea é trasladar os edificios dos terreos recualificados aos montes para darlle agora forma de muíños de vento. O vindeiro 19 de xuño remata o prazo para a presentación de solicitudes do decreto que xa se aprobou no mes de xaneiro. Logo, nun máximo de seis meses, coñeceranse as concesións.

É ben certo que algo si se avanzou. Se antes (co PP dirixindo) a especulación podía ser infinita ao estar permitido adquirir uns terreos e vendelos sen nin tan sequera estaren os muíños instalados, iso recúrtase co novo decreto e engádese a necesidade de ter a autorización da administración para a operación. Déixase pasar unha boa oportunidade para pórlle freo aos oportunistas non interesados no negocio eólico e si nos beneficios económicos, deste xeito, abondará co permiso da Xunta para levar adiante a operación. E ben é sabida a moralidade do poder diante do capital, ou dito doutro xeito, a firmeza dos gobernantes diante da chantaxe dos empresarios. Un claro exemplo son os rumores que xa antes de coñecerse os concorrentes falan dunha operación que levaría aparellada o traslado de Ence da Ría de Pontevedra. Dito traslado debe producirse xa, sen ningunha contrapartida a cambio e esta posibilidade non fai máis ca encher de dúbidas o propio proceso xa antes de comezar. Porque, que pasa se un grupo obtén licenza para a construción dun parque eólico e despois non o pode manter? Non sería estrano pensar que o revendería á mellor oferta, e velaí o círculo pechado… O factor ecoloxista non só está presente na posíbel liberación da Ría de Pontevedra, é moito máis amplo. O novo decreto asegura a non instalación de parques en espazos da Rede Natura 2000, que non debería ser noticia pero que é un avanzo coñecendo precedentes como os do Plano Acuícola. Mais, que pasa con aquelas zonas a protexer e que non contan coa protección da Rede Natura? Pois que aí a destrución será libre e impune. A instalación dos muíños pode supor a destrución das inmediacións dos mesmos, por non retomar o impacto ambiental que estas infraestruturas supoñen para os ecosistemas.

muíños de ventoOs 2325 megavatios que a Consellaría de Innovación e Industria vai repartir calcúlase que abondarían para servir de enerxía eléctrica a trece millóns de persoas. Unha das demandas históricas e máis prioritarias necesidades deste país é que a nosa riqueza repercuta aquí, o rachar dunha vez por todas con esa posición colonial das empresas que enchen os seus petos na nosa Terra e levan o botín para fóra. Os responsábeis políticos declinaron aproveitar esta oportunidade e a convocatoria é aberta a quen poida facer fronte a uns requisitos unicamente á man de grandes empresarios ou bancos. Preguntámonos se non sería posíbel que a Xunta asumira na súa totalidade a instalación e mantemento das infraestruturas necesarias para o aproveitamento íntegro do noso potencial e así, primeiro cubrir as nosas necesidades, e logo, exportar e tirar beneficios. Dito doutro xeito, nacionalizar a nosa enerxía eólica.

Os monstros do sector xa preparan os seus planos e demais manobras necesarias para conquerir o maior cacho da torta posíbel. Fenosa, Iberdrola, Acciona, Endesa, etc. sostidas polo capital que agochan detrás xa se van posicionando para asaltar os nosos montes á procura do vento. Quen lles ía dicir a moitos accionistas de Madrid que terían que chegar a entenderse cos “diabólicos” personaxes do BNG? O capital crea curiosos compañeiros de viaxe. E non só iso, senón que tamén ordea bonitos rencontros entre vellos coñecidos nos negocios da especulación. Vai por grupos. Manuel Jove (vendedor de Fadesa e na actualidade ocupado en cazar negocios por medio do seu novo xoguete: Inveravante) lidera a un grupo de empresarios agrupados baixo o nome de Gaelsa (por aí andan Xosé Cortizo, Jacobo Couceiro, Epifanio Campo e o accionista de Corporación Caixa Galicia Manuel Añón). Polo sur aparece o grupo Andavía, integrado por Coren, Copasa e Gadisa (Manuel Tojeiro, tamén presente en Reganosa).

Hai quen prefire concorrer en solitario, como é o caso de Jacinto Rei coa súa construtora San José, de quen nun primeiro momento se falara para engordar Andavía, pero que decidíu saír do proxecto. A súa aposta é ambiciosa e xa se anunciou que pretende o 82% do total de megavatios que saen a “concurso”. Este personaxe sempre está entre os citados cando se fala de inversores galegos ou dalgún proxecto forte no país, máis o seu interese por algo que non sexa o seu peto está aínda por demostrar. Mais se de ricos galegos falamos, non podemos deixar de citar ao cabeza deles por excelencia, Amancio Ortega, que tamén se incorpora ao xogo. Tamén estará a que fora súa dona, Rosalía Mera, e outros nomes coñecidos como poden ser Cupa Group, Jealsa, Ence, etc.

Entre esta marea de intereses subxace un moi comentado entre os que saben da materia e con moitas posibilidades de ser real. O traslado de Ence. A operación non está moi definida, pero sábese que sería moi proveitosa de cara ao afortalamento da imaxe dos que prometeron o traslado da pasteira. Se botamos contas, en vésperas das vindeiras eleccións autonómicas non sería de estranar o anunciamento dalgunha medida relacionada. De entre os nomes que se escoitan, ademais dos loxicamente interesados depredadores do sector enerxético que levan anos amosando o seu respecto polo medio ambiente nos ríos e montes do país que xa controlan, aparecen interesados que na súa maioría proveñen do sector da construción. Isto non vén máis ca a avalar a teoría de que a especulación vai unicamente mudar as rúas polos montes, pero non imos poder afastala tan facilmente.

Aínda que sen dar a cara en primeiro plano, mais sempre detrás, está a banca por medio da participación accionarial en moitos dos grupos empresariais citados. As dúas caixas galegas teñen importantes participacións en moitos dos concursantes, polo que se aseguran a súa presenza no negocio eólico, unha presenza da que xa gozan pero coa vantaxe de estaren agochadas nas redes traseiras do accionariado e dos consellos de administración. A simple vista, ninguén relacionaría ás entidades bancarias con grandes e soadas desfeitas medioambientais en Galiza, pero o certo e que son, cando menos, corresponsábeis das decisións máis nefastas para a nosa terra que se teñen tomado nos últimos tempos. Lembremos Reganosa ou a propia Ence, onde participa Caixa Galicia por exemplo da man da propia Xunta que acepta o proxecto.

Comentarios non permitidos para este Post

Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis