Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

CausaGaliza

17/06/2008 GMT -4

QUE NOS EXPLIQUEN O DA 'UNIDADE DE ESPAÑA'

augasceives @ 16:28

Hoxe coñecíanse os datos dunha nova enquisa publicitaria que o INE elabora e precociña habitualmente atendendo xeralmente aos intereses do Estado. A afirmación non é gratuitamente crítica xa que ben coñecido é que a elaboración deste tipo de inquéritos pódese acomodar en función do resultado final que se procure. Feita a introdución e antes de entrarmos en datos, deixamos a nosa dúbida: no aspecto salarial e de condicións sociais, a que se refiren exactamente cando falan de unidade de España?

 

Sitúan o salario medio dun traballador en Galiza en 1410 euros, co cal a inmensa maioría dos que escribimos e lemos isto nos preguntamos cales son os soldos que conforman esa media. Moitas nóminas de deputados e deputadas se deberon incluír neses cálculos para dar o resultado que dá, pois esa cifra fica lonxe do que a maioría dos traballadores percibe ao mes. Con ese soldo quizais as folgas non atinxirían a gravidade que conlevan pois os trinta días de cada mes e os desorbitados prezos dos combustíbeis de seguro que se habían facer máis levadeiros.

Expostas as nosas dúbidas sobre a credibilidade dos datos que nos presenta o Estado Español, reflectimos agora a realidade que arroxa: Galiza é a segunda das CC.AA. na que esta media é máis cativa. Adiviñan cal é a primeira? Si, Estremadura. A media estatal sitúase nos utópicos 1689 euros, aínda lonxe dos 1986 euros dos traballadores de Madrid. Velaí o que se gaña alí onde se benefician dos nosos recursos. Pero non, o do imperialismo é un invento noso…

Por se fora pouco, o crecemento das nóminas galegas con respecto ao primeiro trimestre do ano pasado, que é co período que se comparan os datos desta enquisa, é dun ridículo 3,5% fronte ao 5,3% estatal.

Malia que esta enquisa fai referencia aos custos salariais por traballador que as empresas teñen (en Galiza son 1956 euros, dos cales 1410 son de soldos e os 545 restantes son de cotizacións), os beneficios das mesmas non se ven reducidos aínda que estes custes aumentaran o 3,7% que di a enquisa. O abaratamento dos custes de prudución vai moito máis alá dos custes salariais, co cal os beneficios neste sistema capitalista están condenados a non minguar nunca. Velaí a chave.

Xa para rematar, e como conclusión final. Para quen acredite nestes datos –nós non-, son un bo motivo para preguntarse que falla nesa imparábel marcha cara a lúa da economía galega da que tanto nos fala Touriño.

Comentarios non permitidos para este Post

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis