Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

# Augas Ceives

pola nosa lingua_en pé

20/06/2008 GMT -4

REGANOSA É ILEGAL (TERCEIRA SENTENZA)

augasceives @ 16:03

ReganosaVimos de coñecer a terceira sentenza do TSXG en contra da instalación de Reganosa na súa actual ubicación, na Ría de Ferrol e no medio das casas dos veciños de Mugardos. O máis alto tribunal da Xustiza galega invalida as mudanzas que se fixeron nos usos dos terreos sobre os que se instalou a bomba gasística. O CCE compareceu en rolda de imprensa para esixírlle ao Goberno Galego que atenda e respecte a resolución xudicial.

 

O cerne do asunto reside na ausencia de Declaración de Impacto Ambiental, que é no que basea o xuíz a súa sentenza en contra do cambio de uso nos terreos nos que se instalou a pranta regasificadora. Este aspecto afecta a todas as fases do proceso administrativo: autorizacion de construción, licenza de obra e actividade e autorización administrativa previa.

Cómpre explicar que todo isto nace cando o Concello de Mugardos (gobernado daquela en coalición polo PSOE e mailo BNG) autoriza o cambio na tipificación do solo para permitir deste xeito que Reganosa (da que é accionista o Grupo Tojeiro) se instalara en terreos de Forestal do Atlántico (propiedade tamén do Grupo Tojeiro e na que participaba o conselleiro de Economía de Fraga, Xosé Antón Orza). Por se os feitos tiveran pouca gravidade, o delito leva consigo unhas plusvalías de máis de trinta millóns de euros para o propio Tojeiro. A decisión constitúe un fraude político-financieiro que o actual alcalde do BNG, Xosé Fernández Barcia, asume plenamente. Repetimos, a operación carece da necesaria Declaración de Impacto Ambiental.

A sentenza 00311/2008 do TSXG anula a devandita mudanza de usos do solo e decláraa ilegal.

O CCE remitíu senllos escritos á Presidencia e á Vicepresidencia da Xunta (para que non se incomoden nin uns nin outros) pedíndolles que retiren os recursos no Tribunal Supremo de Madrid. O complexo imperialista instalado nos nosos gobernantes impídelles aceptar que o TSXG é a derradeira instancia dentro deste sistema que eles mesmo criaron. Mais como conciben o territorio que gobernan como non máis ca unha simple provincia do Reino, levan as súas teimas á Capital do capital.

Estamos fartos destas mañas, estamos fartos destes gobernantes, das súas mentiras, das súas falsidades e do seu empeño por pseudodiferenciarse. Ogallá non sexan nunca culpábeis dunha catástrofe.

Comentarios non permitidos para este Post

Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis