A XUNTA PROMOCIONA AS NOSAS CARENCIAS
O PSOE comezou xa a precampaña para as vindeiras eleccións galegas do ano que vén. O seu lema di “Tres anos cambiando Galicia” e con el pretenden atinxir a vitoria en votos que lles permita seguira á fronte do Goberno con máis diferenza sobre un BNG que lles rouba unha cota importante de protagonismo. Mais este non é o asunto. O caso é que a devandita lenda é, coma tantas outras, mentira. O PSOE recolle a idea fundamental da eixo central no que se resumen os dezaseis anos da política económica de X. A. Orza: manternos como Rexión obxectivo de Converxencia, isto é, un dos territorios máis pobres de Europa e condenados a subsistir grazas a subvencións. Velaquí o maior éxito e do que máis fachendoso se sentía o Conselleiro de Economía do PP. Pois ben, nada mudou.
O Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), dependente da Consellaría de Economía, utiliza a curiosa estratexia do Goberno Fraga para chamar a posíbeis inversores estranxeiros a instalárense en Galiza. A web investingalicia.com, (en tres linguas: castelán, inglés e alemán) presume dos “baixos custes laborais”, dos cativos salarios que se pagan aquí, da baixa “conflitividade laboral” e doutras nosas carencias para chamar a atención de empresarios no estranxeiro. Para iso,
expón gráficas, estatísticas e outros datos que deixan ben ás claras a fenda entre o noso país e o resto do Estado e da Unión Europea. Os índices de desenrolo principais, nos que Galiza pecha as listaxes, son os atractivos que o Goberno Galego lles propón a posíbeis empresarios que poidan pensar en vir á nosa terra.
É realmente desprezábel. A actitude do PSOE non se diferenza absolutamente en nada da do PP en materia económica, ben sabido é. Pero a estratexia publicitaria tampouco amosa ningunha variación, malia que en 2004 criticaban contundentemente a Orza cando eran asentos da oposición no Parlamento. O que non se pode dicir é que mintan neste aspecto, pois como xa demostraron, calquera empresa allea que decida asentarse aquí ha ter o favor ilimitado da Xunta, mesmo se lle permitirá participar nas políticas adaptándoas ás súas necesidades como fixo Stolt Sea Farm co Plano Acuícola. A permisividade coas empresas que se acheguen será total e absoluta: subvencións a esgalla, exención de responsabilidades tanto sociais como medioambientais, cero sancións, etc. Precisamente a norueguesa é un dos atraíntes exemplos que a Xunta pon como “casos de éxito” de empresas foráneas asentadas en Galiza, xunto a ela: PSA-Peugeot Citrôen, Denso, Bosh, etc.
Segundo recollen algúns medios, como GzNación –que adiantaba onte a nova-, o Presidente da Xunta mandou retirar os parágrafos nos que se facía referencia ao fachendosos que están na Xunta por manter as nosas dificultades económicas e as diferenzas con respecto á media europea. Xosé Antón Orza ben podería seguir sendo conselleiro neste bipartito do cambio, e porque non? Fraga Presidente!


Chúzao
del.icio.us
