A S.X.P.L. DEBE DEMITIR
De entre eses departamentos da Xunta que acotío xulgamos como continuístas –por empregar un cualificativo sinxelo- salientamos a absoluta ineficacia da Secretaría Xeral de Política Lingüística, dependente da Consellaría de Presidencia. A súa titular, Marisol López, é sen dúbida unha das dirixentes máis incapaces e nefastas de cantas/os compoñen o chamado Goberno do cambio. A súa absoluta pasividade en momentos como os que estamos a vivir, de continuos ataques contra a nosa lingua, é desesperante e afonda en nós para atopar os pensamentos máis negativos cara a súa persoa.
Todos os días coñecemos casos variados de agresións á nosa lingua, discriminacións por usala, ataques contra os/as que a falamos, dificultades para quen a usa, e en xeral, exemplos cotiás que sosteñen a afirmación de que é imposible vivir en galego no noso país. A face positiva é que cada vez máis, denunciamos, publícanse, coñecemos e combatemos estes casos. É preciso crer que aquí hai un pobo disposto a loitar pola súa lingua contra toda agresión –externa ou interna- que ouse ameazala.
Exemplo disto é o acontecido esta mesma semana, na que un dos persoeiros públicos máis queridos desta Terra destapouse traizoando a todos os que o apoiabamos. Os foros dos xornais que recolleron a nova axiña se encheron de descontentos que expresaron a súa tristura por un deportista moi querido. Máis aínda cando, tendo a oportunidade de rectificar, Oscar Pereiro mantívose nunha serie de incoherencias abraiantes. É posíbel que a audiencia do Tour de Francia en Galiza caia nesta edición.
Esta mesma mañá, a Secretaría Xeral de Política Lingüística presentaba unha nova campaña como ás que xa estamos afeitos. Non repara en gastos a Sra. Marisol López coa intención de agochar tras frases inxeniosas e autocolantes a esgalla unha inexistente, nula e baleira política lingüística. Axiña A Mesa respostou esixindo a retirada da campaña e se reinvista o orzamento cara a medidas efectivas que contribúen á verdadeira normalización da nosa lingua: poder vivir en galego as vintecatro horas do día.
A Sra. Marisol López dispón dun orzamento público co que deseña campañas baleiras e inútiles ao tempo que rexeita escoitar solucións e propostas que todos os días achega a sociedade, por medio do tecido asociativo do país, para seguir percorrendo ese longo camiño que é o da normalización. Mais tampouco está ao carón dos cidadáns galegos discriminados por usar a súa lingua, dos atacados por falar galego ou esixir o seu dereito a seren atendidos en galego polos poderes públicos. Non ousa levantar a voz en defensa do noso idioma cando dende Madrid se espallan mentiras e manifestos que anceian a desaparición da nosa fala, co perigo que supón o desouvir un mentira que, todos o sabemos, repetida moitas veces pode chegar a inserirse nas conciencias tal que se fora unha certeza.
Dende AugasCeives insistimos: pola súa manifesta incapacidade, a Sra. Marisol López debe deixar de ser a Secretaria Xeral de Política Lingüística.


Chúzao
del.icio.us
