Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

AS POLÍTICAS SOCIAIS DUN GOBERNO DE ESQUERDAS

augasceives @ 08:56

os axentes sociais e os representantes do poboNa segunda feira pasada asistimos a unha nova escenificación dese teatro da calma e da paz social que o Goberno Galego imaxina para o noso país. Onde non existen conflitos nin dificultades, onde as crises son desaceleracións e onde os discrepantes son intolerantes. O diálogo social entre os dous sindicatos estatais maioritarios, a confederación de empresarios e a administración deunos un motivo máis para sentir vergoña deste sistema no que se entrelazan intereses co único fin de someter aínda máis á clase traballadora.

 

Asinaban o “Acordo pola competitividade 2008-2011”, como medida para afrontar o proceso de desaceleración económica. En xullo, cando vai alá medio ano e loxicamente sen o orzamento asignado a comezos de ano para un invento de verán, o primeiro que resulta curioso é o propio nome. Tamén chama a  atención a ausencia da segunda forza sindical do país, a CIG, autoexcluída da mesa do diálogo social xa no mes de novembro por interpretar que o único do que se trata é de propaganda. Agora, con este novo anuncio preelectoral, recollemos algunhas das valoracións da propia central sindical galega que, segundo afirma, non recibíu nin tan sequera un borrador do devandito plano.

Algo artellado pola patronal, os sindicatos estatais e a Xunta non podía dar outro resultado ca o que achega. Non eran de agardar medidas en prol dos traballadores ou destinadas a aumentar o poder adquisitivo. “Semella que o único xeito de ser competitivos é contendo ou baixando os salarios, flexibilizando as condicións laborais e as xornadas e aumentando, polo tanto, a explotación directa sobre o traballador” apuntan dende a CIG.

En definitiva, un bo pacto para os asinantes que intercambian fotos e mercan silencio en vésperas de eleccións. A tan anceiada paz social. Cargos de PSOE, BNG (o director xeral de Industria), UXT, CCOO e a CEG seguen cada un ao seu. Porén ningún procura solucións aos problemas reais, ningún atende á saída de mocidade preparada á procura de traballo fóra da nosa terra, ningún atende á multitude de conflitos laborais que se espallan acotío polo país, ningún se pon na pel dun pai de familia que súa sangue para chegar a fin de mes.