DECRETO IMPERIALISTA
A praga de encoros que durante o franco-fraguismo invadíu o noso país, e que a Xunta do pacto non combatíu, encheu os nosos ríos de paredes de formigón que esnaquizaron a nosa paisaxe e produciron enerxía eléctrica a esgalla. Os beneficios encheron e enchen os petos das empresas concesionarias e das construtoras e repercutiron sempre lonxe da terra que padece a agresión ambiental. As novas tendencias son parques eólicos, minicentrais e mesmo centrais nucleares pero a historia non varía. O mínimo “consolo” que tiñan as vilas (que non sempre a veciñanza) nas que se instalaban estas “fontes de progreso” eran os diferentes canons que percibían. Agora, o Goberno Español decide tamén recurtar esas taxas.
O instrumento é o Decreto 1464/2007, que vai mudar as condicións de valoración catastral afectando desta forma directamente ás cotas que os concellos veñen percibindo. É dicir, o PSOE rebaixa entre un corenta e un cincuenta por cento o importe que as hidroeléctricas teñen que aboar aos municipios. Hai
que lembrar que, en moitos casos, os orzamentos de pequenos concellos dependen en grande medida do cobro destas contraprestacións por soportar algunha infraestrutura deste tipo nas súas terras.
Tan só o BNG denunciou esta nova manobra imperialista do Goberno Español no Parlamento do Estado. Bótanse en falta achegas máis contundentes dende o Bloque neste senso tendo en conta que nas súas mans está a Consellaría de Industria, decisiva na concesión deste tipo de intalacións enerxéticas. Mais algo é algo.
O que é completamente inaceptábel é a posición da FEGAMP. Hoxe en mans do PSOE, e sempre co discurso na boca do potenciamento da municipalidade, da prestación de servizos dende a administración local, do reforzo do financiamento dos concellos, etc. agora cala e pecha filas nunha posición descaradamente de partido en contra dos seus propios principios anunciados. A disciplina partidista imponse de novo fronte aos intereses xerais.


Chúzao
del.icio.us
