Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

# Augas Ceives

pola nosa lingua_en pé

14/07/2008 GMT -4

DÍA DA PATRIA: AUTODETERMINACIÓN OU ESTRELAS AZUIS

augasceives @ 17:53

Achégase un ano máis o 25 de xullo, Día da Patria ou Día Nacional de Galiza. Como é habitual, o movemento nacionalista e independentista do país vai quecendo para a cita anual de movemento e renovación de esforzo e compromiso, cada un cos seus intereses. O “nacionalismo” oficial, no seo deste BNG de goberno, pretende a maior mobilización da historia do nacionalismo coa ollada posta nas eleccións do vindeiro ano. Mais os camiños da reivindicación teñen máis discorreres ca o institucional: Causa Galiza voltará congregar nas rúas compostelás unha maré de compromiso co verdadeiro horizonte, o da autodeterminación.

 

 bng

A viraxe ao centro eleitoral do BNG inclúe, pouco a pouco, non só a reforma do discurso, das formas e dos feitos, senón tamén da imaxe. Foi esvaecendo até morrer a cor vermella da propaganda da fronte e xa non vemos a estrela vermella que noutrora identificou a este partido cun compromiso social e de esquerdas. Hai que recoñecer a honrada adaptación da imaxe ao novo partido. O que procura Quintana é o voto do “centro” (non é ningún descubrimento), e o “centro” debe gostar máis das estrelas azuis ca vermellas. Dito queda pois, o BNG ha reafirmar o seu discurso o 25 de xullo en Compostela, e para iso conta con “xuntar a familia” na capital sen pecharlle as portas aos que se queiran engadir.

Mais as portas, todos os sabemos, serven tanto para entrar como para saír. E por esas mesmas polas que ocausa galiza BNG quere que entren milleiros de votos, está a saír tamén unha importante parte da base social que traballa e que mantén ao partido. Unha boa parte da militancia de base, aínda independentista, considera que o seu sitio non ha estar na manifestación do BNG o Día da Patria, senón ha que transcorrer detrás da faixa de Causa Galiza. Do mesmo xeito, considera que o seu apoio electoral xa non ten sentido dárllelo a este novo Bloque de estrelas azuis. Con todo, aínda boa parte dos críticos mantéñense fieis á “disciplina de partido” malia discrepar considerábel e abertamente.

 

A plataforma soberanista Causa Galiza voltará a reunir o movemento independentista o 25 en Compostela. A diferenza da outra, nesta manifestación a palabra chave non ha ser “votos”, senón “autodeterminación”. Que cada un elixa a que considere máis oportuna, pero que cada un a elixa libremente e sen ataduras. Iso sería o máis desexábel, o ceivarse dunha vez de prexuízos e complexos, o reafirmarse e confirmarse nas conviccións propias.

Comentarios non permitidos para este Post

Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis