OUTRO XOGUETE ROTO
Os movementos do capital descabezaban hai pouco máis dun ano a unha das potencias inmobiliarias galegas. Un poderoso empresario madrileño mercaba Fadesa e pouco a pouco ía levándoa deixando no camiño numerosos postos de traballo. A infame ambición fixo inchar un diaño insostíbel que conqueríu grandes dimensións en pouco tempo. Agora, unha pequena agulla picoulle o bandullo e o seu noxento fel espállase pegañento polos teitos financieiros empresarias deste salvaxe e depredador mundo do capital. Esa agulla chámase “crise”.
Martinsa-Fadesa esborrallouse hoxe na Bolsa de Madrid caíndo os seus valores por enriba do
vintecinco por cento. O elitista mundo dos grandes inversores non permite movementos en falso e a antiga empresa do hoxe inversor Manuel Jove foi expulsada do circo dos poderosos. O próximo paso será a suspensión de pagos e despois, xa se verá… O que si é seguro é que ningún dos seus propietarios, dirixentes, etc. padecerá esta circunstancia. Sabemos xa, pola contra, que serán os traballadores e traballadoras que fican na empresa quen pagará as consecuencias.
Unha vez máis, os que moven os fíos do sistema esnaquizan un xoguete máis cando xa non lles serve. O negocio da especulación inmobiliaria, con construtoras, promotoras, inmobiliarias e demais compoñentes do cadro xa non o é tanto ao chegar a un punto sen retorno no que a situación se tornou moi complicada. É o conto de nunca acabar, se os consumidores –a clase obreira- non dispoñen de poder adquisitivo para mercar, a roda non xira e os postos de traballo diminúen, os soldos no aumentan e o consumismo detense.
Por suposto, que ninguén agarde que se lle pidan responsabilidades a ninguén, nin que alguén reclame os millóns de euros públicos que dun ou doutro xeito contribuíron a facer medrar outro monstro máis que se derruba.


Chúzao
del.icio.us