PAREMOS A BARBARIE!!
Segundo vén de informar o colectivo en defensa dos animais “Libera!”, Galiza é o territorio do Estado Español máis “antitaurino”, estimando a porcentaxe de afección ás touradas nun 14%. Estas son a expresión máis criminal da tortura recreada para gozo e disfrute dos irracionais que aplauden a barbarie e o maltrato aos touros. Chámanlle “cultura” e “fiesta nacional”.
O que eles consideran espectáculo, o máis elitista e burgués que se conserva nesta sociedade, consiste no maltrato e na dor sostida do touro até a súa morte. O animal, previamente diminuído nas súas facultades e potencia física, sae á praza xa seriamente afectado e aí comeza o camiño final na súa tortura, espetándolle obxectos punzantes que afondan na súa dor e asfixia. Cando xa se atopa esgotado e non é quen de respostar ao asasino do trapo vermello, máis criminais acuden para infrinxirlle picadas de sufrimento.
A suposta tradición aséntase nos piares dos fondos públicos, de numerosas administracións que
inclúen esta caste de tortura animal nos seus programas de festexos. E en contra do que se podería pensar, non son exclusividade de gobernos españolistas. Unha das cidades onde máis resposta antitaurina atopamos é Pontevedra, na que o Alcalde do BNG organiza cunha inxente cantidade de fondos públicos unhas touradas nas que, segundo os expertos, o cartaz contará cos máis cotizados asasinos da area. Coma tal, o movemento antitaurino retoma vigor coa aproximación das datas de primeiros de agosto.
Varios colectivos ecoloxistas botan a andar a campaña “Galiza mellor sen touradas”, coa que se pretende que os concellos galegos se declaren antitaurinos. 46 municipios do Estado e unha Comunidade Autónoma enteira se teñen declarado xa “antitaurinos”.
En Pontevedra, a Plataforma Antitaurina ten organizada unha concentración para o vindeiro 9 de agosto asentada en varios piares básicos: o cese das axudas públicas, a declaración de Pontevedra como concello antitaurino, a prohibición da publicidade, a supresión como reclamo turístico, etc. AugasCeives xa ten remitido o seu apoio a esta mobilización e a suscripción de todos e cada un dos argumentos que se dan para presentala.
Nos vindeiros días seguiremos atentos ás novidades que se han dar na previa aos grandes días de tortura e barbarie na cidade de Pontevedra.




Chúzao
del.icio.us