MÁIS RADARES PARA QUE POIDAN MERCAR MELLORES COCHES
Galiza segue a ser unha boa fonte de ingresos para Estado Español. No día no que se coñecen os datos de ingresos medios dos traballadores galegos o ano pasado (cuartos pola cola no total do Estado), a DXT anuncia a instalación de dezaoito novos radares que han ser espallados polas nosas estradas. Quen a estas alturas siga a crer na boa vontade do Gobierno de España e nos seus anceios de reducir a sinistralidade e as mortes en accidentes de tráfico quizais precise unha boa dose de realidade.
Todas as decisións de Pere Navarro, Rubalcaba e demais vixiantes da nosa seguranza, así como as formas de actuar dos axentes encargados do regulamento do tráfico teñen sempre un único obxectivo: a recadación económica. Os seus métodos son os da represión, os de culpabilizar sempre aos condutores, minusvaloralos con campañas infantís e aplicar a “man dura” sempre contra a cidadanía sen pór nunca en dúbida os seus métodos, mesmo cando os seus aparellos rexistran velocidades de 800 km/h polas rúas de Vigo. A nosa indefensión fronte aos seus disparates é total.
Esa recadación nunca revirte alí onde foi extraída, a descompensación entre sancións económicas aplicadas
e investimento en conservación de estradas é insultante no caso galego. O Código de Circulación e a sinalización vial correspóndense cos tempos nos que as súas mentes fican ancoradas á vez que a tecnoloxía dos automóbiles evoluciona acotío. As incomprensíbeis limitacións en vías novas en función do nome que reciban ten como único obxectivo ampliar a súa marxe de sancións recadatorias. Os seus “aleatorios” controis ás horas nas que os traballadores se dirixen ao seu centro de traballo son máis habituais ca os que se realizan ás saídas de grandes concentracións e festas gastronómicas ateigadas de coches oficiais. Precisamente estes, os de alta gama que son guiados a velocidades de vertixe parecen ser de difícil detección.






Chúzao
del.icio.us
