NOVO ACCIDENTE GRAVE NAS OBRAS DE PUNTA LANGOSTEIRA
As obras do Porto Exterior da Coruña son, dende o seu comezo, unha fonte de sinistros laborais que xa se teñen cobrado máis dunha vida. Onte mesmo tiña lugar o último accidente grave. Os prazos impostos dende as altas esferas políticas percorren como lóstregos as cadeas de mando, dende o cumio da pirámide até o último chanzo: os traballadores. E como sempre, estes son os que padecen as consecuencias.
Preto das once da noite, un operario (a instancias dun encargado) lavaba unha mangueira que se atopa enriba dun cadro eléctrico dun camión. A temeridade producíu a desgraza e unha forte descarga eléctrica desprazou ao traballador cara atrás, facéndoo caír sobre unhas pedras. O resultado son lesións cervicais que deron con el nun centro hospitalario e feridas de distinta consideración.
A CIG denunciou que o lugar no que se producíu o accidente non está considerado como zona de traballo, polo que, en consecuencia, carece da necesaria avaliación de riscos. Ademáis, a central sindical ten reiterado en varias ocasións que os traballadores están sometidos a presións (mesmo baixo ameazas de despedimento) que fan que os ritmos de traballos se fagan insostíbeis. Segundo informan, estas circunstancias xa foron postas en coñecemento da Inspección de Traballo para que paralizara as obras.
Ben sabido é que tal órgano pantasma non vai actuar, nin que tampouco se lle esixiran responsabilidades aos encargados nin aos xefes de seguridade da UTE que está a realizar os traballos.
As presas nas obras públicas están a producir accidentes graves (mesmo con resultado de mortes en demasiadas ocasións) de traballadores. Estes feitos non chegan aos debates dos gobernantes que se enlean en discusións baleiras de se será un ano ou outro.


Chúzao
del.icio.us
