O COMPROMISO DO BNG PONTEVEDRÉS COAS TOURADAS: REPRESIÓN POLICIAL
Xa nos temos referido en máis dunha ocasión á campaña que está a realizar a Plataforma Pontevedra Antituarina na cidade en vésperas das festas patronais e con motivo da inclusión (como vén sendo habitual) das touradas no programa de festexos. Este ano ademáis cun cartel moi atraínte e chamativo para os que gustan desta caste de maltrato animal, co conseguinte investimento dunha inxente cantidade de fondos públicos. Como parte do movemento antitaurino e en total concordancia cos obxectivos da devandita plataforma, difundimos as súas actividades e novidades facéndoas tamén nosas.
A campaña que están a levar a cabo os compañeiros e compañeiros de Pontevedra inclúe a pegada de cartaces e a visibilización da oposición ás touradas, en fin, do movemento antitaurino en Galiza con epicentro na Capital do Lérez por ser esta a cidade que máis actividade toureira rexistra. En fronte atópanse, coma sempre, coas forzas da orde pública que unha vez máis se extralimitan nas súas funcións. Segundo informan, están a ser denunciados, identificados, cacheados e mesmo retidos a plena luz do día por axentes da Policia Local. Lembramos que o Concello de Pontevedra conta cun rexedor autodenominado “nacionalista” e pertencente á formación política coñecida como BNG, partido ao que tamén pertence o Conselleiro de Seguridade Cidadá.
Os feitos son de tal magnitude que conseguiron coarse entre as follas dos xornais comerciais e as actividades do colectivo até atopan minutos na televisión pública galega.
A canle voceira do Goberno recollía hoxe os actos desenvolvidos esta mesma mañá. Varios mozos e mozas procederon ao despregamento dunha faixa e pintaron as publicidades dos actos de tortura previstos para este mes de agosto.
Dito isto, podemos afirmar con rotundidade o firme compromiso do goberno local pontevedrés coas touradas. Non so as financia e as inclue no programa de festexos senón que exerce a represión policial contra os movementos de oposición que actúan reclamando a fin deste espectáculo fascista de sufrimento animal e violencia extrema. A seguir, citamos as verbas da propia Plataforma Antitaurina nas que dan conta dos inexplicábeis feitos: “A policía local continúa así a liña de represión contra calquera atisbo de disidencia social que vén definindo a actuación dos corpos represivos, actuando de feito como “policía política”, acosando activistas, reprimindo expresións sociais totalmente lexítimas, e salvagardando a toda costa os intereses privados de “Plazas y Toros S.L.”. Non se entendería se non que mostren un cío tan grande en defender panéis da empresa dos irmáns Lozano, que ocupan un espazo público que nos pertence a tod@s, e que publicitan unhas festas rexeitadas por amplos sectores sociais”.
Rematamos informando da contraprogramación preparada e que dará comezo mañá mesmo no C.S. A Revira, coa presentación dos vídeos da campaña, foliada e palestra. Son as Xornadas Antitouradas Galegas:






Chúzao
del.icio.us
