Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

en galego

13/08/2008 GMT -1

EXEMPLO DE FEDERALISMO E DE AUTONOMÍA

augasceives @ 16:45

Touriño, Blanco e ZapateroNos últimos días, os ruxe-ruxes pola rede facíanse máis intensos no tocante á sempre presente posibilidade dun adianto eleitoral en Galiza. Estes rumores víronse alimentados polo comezo dos movementos nas formacións políticas presentes no Parlamento Galego. O PP confirmaba a semana pasada que tiña xa constituído o “comité de campaña” e o BNG ten convocada unha asemblea extraordinaria para o vindeiro luns 18 de agosto na que ao parecer vai confirmar a Anxo Quintana como cabeza de cartel. A nova saltaba esta mediodía nos informativos dunha emisora moi afín ao PSOE: din en Madrid que as eleccións galegas van ser o vindeiro outono.

 

Manexábanse varias datas. O BNG pretendía, e así o ten manifestado, que a data non coincidira coas Eleccións Europeas, temendo que o bipartidismo español o perxudicara. Pola súa banda, o PSOE treme fronte ao anunciado recrudecemento da “crise” e as ondas de datos económicos que o poden afogar. O PP, loxicamente, pretendía aproveitar as conxeturas que prexudicarían ao bipartito gobernante e fala de que sería unha irresponsabilidade adiantar a data das votacións. Esta desnortada delegación da dereita española esquece que hai tres anos Fraga pretendeu aproveitarse das circunstancias e adiantar a data catro meses (a xuño). Así, falábase como a posibilidade máis forte a do mes de marzo do ano que vén.

Hai poucas horas, un medio de comunicación madrileño botou por terra as especulacións asegurando quePepe Blanco a dirección estatal lle impuxo á galega a data do vindeiro outono, en función loxicamente dos intereses do partido. Esta filtración podería ser posta en dúbida de non ser porque a terminal propagandística da que falamos é tradicionalmente o voceiro “oficioso” do PSOE e a proximidade á dirección do PSOE é total. En concreto, ao número dous Pepiño Blanco do que sempre se dixo que as relacións con Touriño non eran ideais. Deste xeito, Madrid imporíalle á dirección do PSdeG a data desexada. Por se fora pouco, e para maior escarnio da sociedade galega, apunta o medio en cuestión que a concreción da data exacta dependería da tamén posíbel convocatoria eleitoral na C. A. de Euskadi.

De confirmarse isto (e outorgásmolle bastante credibilidade ao rumor), a figura política de Touriño e do PSdeG veríase seriamente resentida, así como a independencia da delegación galega. É moi complicado falar de liberdade cando os propios rexedores dunha terra son os primeiros que a descoñecen. O máis patético será agora ver a Emilio Pérez Touriño anunciar a data e tentar convencernos de que o fixo por iniciativa propia (sen inxerencias de Madrid) e pensando nos interese de Galiza. Isto é un motivo máis para os que pensamos que o Presidente da Xunta é un simples títere en mans dunha organización política que o utiliza para achanzar as incomodidades que lle suporía a Zapatero ter que atender as verdadeiras reclamacións do pobo galego. Ao tempo, tamén é insultante que o PSOE vaia decidir a data en función do que aconteza coas circunstancias políticas en Euskadi, onde quen decidirá será o lehendakari do PNV. O resultado é algo tan absurdo como que pode ser Ibarretxe quen teña a chave das eleccións galegas, pasando iso si pola maquinaria complexa do PSOE.


Touriño e Ibarretxe

Comentarios non permitidos para este Post

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis