Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

CausaGaliza

22/08/2008 GMT -1

A GALIZA QUE FALTA NO PARLAMENTO (II)

augasceives @ 15:20

Hai catro meses publicabamos un artigo de Iria López que intitulaba A Galiza que falta no Parlamento e no que analizaba a necesidade dunha candiatura unitaria das forzas da esquerda independentista para as vindeiras eleccións. Os contactos producíronse pero os froitos agardados non chegaron. Hoxe, a propia autora fai balanzo e actualiza as súas reflexións ao pé daquelas mais contando co factor tempo, que se esgota.

 

Moito se ten falado nas últimas semanas do máis ca posíbel adianto das Eleccións Galegas, mesmo se ten especulado con datos e incluso afirmado por fontes fiábeis que seríamos convocados a votar neste vindeiro outono. Do último que sabemos, publicado aquí no AugasCeives, é que a dirección do PSOE en Madrid lle ten imposta a data a Touriño en función dos intereses do propio partido e mesmo dependendo do que aconteza en Euskadi.

Diante disto, os tres partidos do Parlamento Galego móvense xa pensando na cita electoral. Algo que non deixan de facer durante toda a lexislatura pero acentuado máis se cabe por dar por iniciada a precampaña. Os partidos do goberno organizan eventos para autopublicitarse e “dar a coñecer” á sociedade os logros e méritos que levan acumulados durante a súa estancia nos cómodos asentos do poder. Con isto, semella que unha outra vez imos ter que padecer unhas carencias preocupantes no tocante á diversidade e á pluralidade política.

Xa veñen dende uns meses atrás os rumores e mesmo os contactos reais entre as forzas da esquerda independentista para conformar unha candidatura conxunta que acubille ao soberanismo deste País. É ben certo que o entendemento sempre se amosou difícil porque xa noutras tentativas anteriores as diferenzas agromaron e fixéronse insuperábeis. Unhas diferenzas, hai que dicilo, que son tan só de matiz ou incluso ortográficas, pois se analizamos os diferentes discursos e obxectivos amósanse imperceptíbeis en moitos casos. Co tempo xa tan adiantado, parece claro que as posibilidades esfumáronse xa definitivamente e cada unha das formacións que o considere ha presentarse por separado.

O panorama podería dicirse que non é, a simples vista, moi diferente ao doutras ocasións. Mais se nos detemos na análise podemos comprobar que hai diferenzas sustanciais que si indican que esta podería ser unha moi boa ocasión para pórlle vóz no Hórreo a esa parte da Galiza real que fica fora das estériles preocupacións dos gobernantes. Esta vai ser a primeira vez que o partido nacionalista maioritario en Galiza afronte unhas eleccións dende a perspectiva do poder, e tamén a primeira vez que o faga con importantes variacións no seu discurso e nas súas actuacións. En conclusión, o BNG que se presenta ás vindeiras eleccións é un partido novo, diferente, quizais con outros obxectivos pero afastado do que a maioría dos seus votantes “de sempre” agardaban del. A consecuencia directa desta mudanza, evidente, é o nacemento de diversas correntes internas críticas coa dirección pero fieis á disciplina do partido. Algunhas delas, presentes nos contactos antes sinalados con outras formacións soberanistas por coincidiren no mantemento dun discurso independentista, de esquerdas e socialista. Mais os integrantes desas correntes non dan o paso definitivo para rachar cun partido co que non están dacordo e ao que critican abertamente.

Por outra banda, e alén do seo dos partidos, o movemento social desatouse definitivamente e o goberno da Xunta (“goberne quen goberne…”) ten que convivir con conflitos todos os días e en todos os puntos de Galiza. Posibelmente o punto de inflexión, por dicir unha data, fora aquel 1 de decembro de 2002 en Compostela (“Nunca Máis!”), mais agora xa non é tan raro ver á xente na rúa polas súas causas. A isto cómpre engadir a resposta exemplar da sociedade galega fronte á progresiva e insostíbel destrución do territorio: a rede Galiza Non se Vende ten amosado xa que non se ata a ningún partido é que ten capacidade suficiente de mobilización como para facerlle perder os papeis a calquera dirixente, en especial ao de Medio Ambiente.

Os movementos sociais, ecoloxistas, sindicalistas e mesmo culturais independentes non van ter unha candidatura unitaria á que votar. Ese voto, a forza da unidade, vaise ver esparexido e difuminado entre as distintas opcións que se han presentar. Isto amosa a incapacidade dos “negociadores” para chegar a un entendemento que claramente sería beneficioso para o País, pois son sabedores de que “cada un polo seu lado” non han conseguir moito. Por outra banda, tampouco é moi comprensíbel dos “abertamente críticos” pero “honrosamente fieis” que non se deciden a rachar e abandonar algo no que xa non cren. Que seguen agardando? Unha dirección ou secretaría xeral? Un bo acomodo por aí? Unha asolagadora promesa?



Comentarios non permitidos para este Post

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis