INSTITUCIONALIZAR O CACIQUISMO
Os depredadores do territorio, encarnados en promotores inmobiliarios e especuladores varios, amosaron de sempre o seu rexeitamento a calquera mínima intención que poida ter unha administración a pórlle limitacións á súa voráxine. A lei de protección do litoral, que impide construír a menos de cincocentos metros da costa é un dos seus principais obxectivos. Os seus argumentos son tan desprezábeis como as recentes declaracións da Conselleira de Política Territorial, nas que asegura que eses cincocentos metros poderían “someterse” ás necesidades…
A devandita lei, que está previsto que entre en vigor a vindeira primavera, era un balón de osíxeno na loita pola protección do litoral. Cando menos para deter a desfeita xa iniciada, xa que ninguén cre que se puideran tomar medidas contra o xa construído. Abundan na costa os chalés de conselleiros, ex-conselleiros
e altos cargos en xeral amais de empresarios e outra castes de ricos.
O que boa parte da Galiza teme, que a nosa costa remate por sobresaturarse ao estilo mediterráneo, é precisamente un dos razoamentos que os promotores alegan para non establecer límites ás súas ansias de construír enriba da mesma area das praias.
Diante desta presión, a Xunta xa abríu as portas ao encaixe de todos os intereses no grande crebacabezas que é a especulación urbanística. María Xosé Caride, Conselleira de Política Territorial, comezou xa a amornar as medidas de protección urbanística declarando o pasado que “nalgunhas partes vaise ir máis aló e noutras baixarase”. Isto ben sendo, na práctica, deixar todo a criterios variábeis para non establecer ningunha referencia fixa.
Isto non é máis ca fomentar o caciquismo, intitucionalizalo. Aquel promotor que precise que nalgún punto concreto se amplie a permisividade terá que pasar previamente polos departamentos correspondentes, e deberá o favor… Por suposto, se a oferta do empresario en cuestión é gorentosa, eses cincocentos metros minguarán até onde sexa necesario. Pola contra, se quen pretende edificar nun lugar concreto por detrás desa liña dos cincocentos metros non é afín a quen tería que selo, o medio quilómetro poderá medrar para prohibir a construción. Isto, sempre no nome da protección do litoral e do respecto polo medio ambiente… Segundo María Xosé Caride, os intereses da Xunta son “defender os xerais”.


Chúzao
del.icio.us
