APROBADO O PLANO ACUÍCOLA EN CONTRA DA VONTADE POPULAR
O Plano Acuícola leva meses sendo unha das principais razóns para asegurar que o Goberno Bipartito non
achegou cambio ningún á política galega, para oporse enerxicamente á acción da
Consellaría de Medio Ambiente e para considerala unha das máis nefastas de cantas compoñen o Executivo galego. Meses presentando as súas incidencias negativas e meses tamén sendo un dos principais motivos da existencia dun movemento ecoloxista en Galiza tan activo nos últimos tempos. Hoxe, o devandito Plano Galego de Acuicultura foi aprobado polo Consello da Xunta mentres nos exteriores das dependencias da Xunta a rede Galiza Non se Vende mantiña a oposición social cunha concentración de rexeitamento ao devastador plano.
Esta nefasta nova pasa inadvertida agochándose detrás da fumeira que habilmente levantou o Presidente da Xunta anunciando “o non adianto” electoral, que sempre lle da máis xogo aos medios propagandísticos e comerciais. Falando do citado Plano, o Presidente da Xunta asegura que este non afecta á Rede Natura e que nin “un só metro cadrado” será entregado á privatización, mantendo todos os terreos como de titularidade pública. Non imos citar outra vez os numerosos exemplos de privatizacións que ten feito este goberno de esquerdas…

O amplo rexeitamento víuse exemplarizado unha vez máis nos exteriores dos edificios administrativos de San Caetano, onde GNSV se manifestou unha vez máis contra un plano que vai expropiar algunhas das xoias paisaxísticas (moitas aínda virxes) de máis valor do noso litoral para entregárllelas ás multinacionais norueguesas donas do negocio acuícola en Galiza e que van supór a principal competencia e ruína do sector pesqueiro tradicional. Ese amplo rexeitamento materializouse nas 1001 alegacións presentadas contra o Plano Acuícola, das cales foron atendidas …cero!
Organizacións ecoloxistas, veciños dos lugares afectados e a propia rede GNSV estiveron presentes hoxe en representación do pobo galego que rexeita frontalmente o negocio que lle vai supor ás multinacionais depredadoras un aumento dos beneficios de máis de cincuenta millóns de euros.
A paisaxe galega e o noso territorio están a converterse no mellor negocio que a Xunta pode realizar. Planos acuícolas e eólicos, convocatoria de concursos “xustos” e demais manobras escuras e escurecidas centran a acción dun goberno máis preocupado por saír ben na foto ca por procurarlle solucións aos problemas reais do País.


Chúzao
del.icio.us