...SE É PRECISO, DIANTE DAS MÁQUINAS!
A asociación ecoloxista ADEGA e mailas diversas plataformas en defensa do litoral afectadas pola pandemia de piscifactorías que o Plano Acuícola da Xunta vai espallar anunciaron que van denunciar perante a Unión Europea o devandito plano. Consideran que vai ser a segunda maior agresión contra as costas galegas –logo da do Prestige- e por iso están dispostas a esgotar todas as vías legais contra a aprobación do devastador documento e mesmo, unha vez rematadas, a pórse diante das máquinas para defender o territorio.
Barallan tamén, no medio dunha serie de medidas, a presentación dunha ILP no Parlamento en contra da “marea de cemento” coa que o Plano Acuícola vai maquear o noso litoral. Desbotan as promesas da Xunta da creación de postos de traballo por tratarse dun sector moi “automatizado” e “mecanizado”, apoiándose tamén nos datos do IGE que falan de planteis moi inferiores ás previsións de Touriño…
As vintecatro piscifactorías previstas van encher de cemento “espazos virxes” da nosa costa e van verter ao mar milleiros de hectómetros cúbicos de auga contaminada ao mar. Todas estas razóns foron dadas na rolda de prensa na que hoxe mesmo ADEGA e os diversos colectivos anunciaban as súas intencións. Por se foran poucas as razóns para oporse ao Plano Acuícola e á súa aprobación en función dos intereses das multinacionais do sector, por detrás está a inxente cantidade de subvencións públicas coas que as empresas han erguer os seus soños de grandeza. Fan, concretamente, un cálculo arrepiante: “Facendo un sinxelo cálculo temos que para xerar os 2.000 empregos do Sr. Touriño, cada posto de traballo vai custar á administración 195.000 euros. Ou dito doutro xeito, que todos os galegos e galegas imos pagar o soldo completo dos traballadores de Stolt, Pescanova e as demáis (supoñendo un salario medio anual de 15.000 euros) durante 13 anos!”.
En canto á redución da afectación aos espazos da Rede Natura, con respecto aos planos do PP, seguen a manter as sospeitas destapadas hai uns días sobre os curiosos e oportunos baleiros que se prevén deixar.



Chúzao
del.icio.us