Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

AOS AMIGOS DO ESQUECEMENTO PRÓELLES A VERDADE

augasceives @ 13:51

Contamos, unha vez máis, coa achega de Alberte Outeiro desta vez ao fío do anuncio feito por un xuíz da A. N. de Madrid de afondar nas investigacións arredor da represión durante a Ditadura Franquista.

  

O xuíz da A. N. de Madrid Baltasar Garzón, destacábel polas súas mediáticas decisións en variados asuntos, vén de anunciar que pretende elaborar un censo de represaliados polo franquismo no Estado Español durante a Ditadura Franquista. As entidades e colectivos máis afíns ao traballo pola recuperación da memoria histórica foron expresando a súa satisfacción pola decisión ao tempo que as distintas faces da dereita neofranquista española reaccionaba exérxicamente criticando este novo suposto intento por botar luz sobre uns feitos tan escuros e escurecidos do pasado recente do Estado Español, tamén de Galiza.

Máis alá das ansias mediáticas do coñecido xuíz, saudamos este xesto que non vén a ser máis ca un complemento necesario á recente Lei da Memoria Histórica, coxa polos incumprimentos de institucións públicas que en moitos casos se gaban de incumprila. Aplaudimos tamén a rápida resposta da Consellaría de Cultura, que anunciou xa que remitirá á A. N. os resultados do programa “As vítimas, as voces, os nomes, os lugares” para que os datos de represaliados e asasinados en Galiza teñan presenza na investigación que supostamente emprenderá a Xustiza Española.

Fóronlle requeridos datos tamén á Igrexa Católica, un dos principais piares do réxime e protagonista activa na represión durante a Ditadura. A imaxe actual dos dirixentes católicos non varía moito daquel feixe de fascistas de sotana que dende os púlpitos impartían clases de moralidade coas mans manchadas de sangue. Ben sabido é que a colaboración do clero vai ser nula, e as trabas que han pór, numerosas.

A dereita española segue empeñada en manter afogada a memoria e a dignidade das vítimas, os herdeiros ideolóxicos daqueles responsábeis de espallar tanta morte e tanta miseria son hoxe compracentes no seu discurso cos “vencedores” e violentos e vingativos cos “vencidos”. Empregan eufemismos intolerábeis para falar do xenocidio e da represión que sementaron ao longo e ancho do Estado e mesmo ousan negar os papeis de cadaquén na máis escura e tenebrosa historia. Temen que se coñeza a verdade e se bote luz sobre a desmemoria, xogan co tempo ao seu favor que vai silenciando os testemuños da man do escurantismo. Pretenden por todos os medios que os feitos fiquen enterrados nas fosas comúns da Historia afogada e que se vaian apagando as arrepiantes cifras. Queren negarnos o coñecemento e asasinar a verdade, queren revisar a manipulación para darlle outra volta e deixar máis desfigurada aínda a lagoa dos tempos. Empéñanse en tinguir de esquecemento e combater o traballo de historiadores. Élles preciso manter a ignorancia que lles permita seguir amosando a súa face fachendosa que agocha un revés sanguento.

Mais os que sentimos verdadeira repugnancia por eles temos a obriga de seguir loitando pola verdade e polo coñecemento, temos que seguir estando á beira dos recuperadores dos cachiños do crebacabezas que nos permitan artellar un grande mosaico de dignidade. Non é remover o pasado, non é malgastar fondos; é unha tarefa necesaria, é unha obriga moral, é unha débeda coas vítimas e coas súas familias. É un exercicio de recoñecemento aos que loitaron antes ca nos para configurarnos como pobo.

Entre uns e outros, os que teñen dúbidas. os que manteñen unha vil indiferenza que lles da folgos aos que estes días están doentes e temerosos. Os que non se queren mollar, os que non queren molestalos por medo, por temor a que reviva a súa xenreira contra a liberdade e recuperen as armas para espallar negrura e padecemento. Dicímoslle, os convencidos, que deben ser fortes, que non deben temer e que teñen que abandonar esa postura e armarse de valentía. Os responsábeis políticos e xudiciais teñen a obriga de investigar, de xulgar aos asasinos e de darnos motivos para pór en dúbida os criterios que nos fan desconfiar dunha xustiza ancorada naqueles tempos. Deben facelo, por necesidade política, xudicial, social e mesmo moral.