A INTERVENCIÓN POLICIAL MULTIPLICA A VIOLENCIA NOS DISTURBIOS DO SECTOR MEXILLOEIRO
A conflitividade no sector do mexillón acadou hoxe o seu punto álxido. A tensión e os disturbios medraron dende a noite do pasado sábado, cando varios artefactos explosivos estouraron nas sedes dalgunhas das asociacións implicadas. Durante o día de hoxe, no Porto de Vilanova producíronse enfrontamentos entre os piquetes e as FSE cando os convocantes do paro tentaban impedir a descarga dos camións que entraban e saían. Unha vez máis, a actuación policial resultou desproporcionadamente violenta.
A asociación maioritaria Pladimega convocou un paro indefinido que comezaba hoxe en protesta pola desproporción dos prezos en orixe con respecto aos de mercado. Unha constante na meirande parte de produtos que está a xerar conflitividade en todos os sectores produtivos e afoga aos mariñeiros e agricultores en orixe mentres ven como os intermediarios e grandes superficies tiran inxentes beneficios. Os colectivos minoritarios (Virxe do Rosario, Federación de Arousa Norte e Cons de Udra) decidiron unilateralmente seguir traballando en contra da maioría do sector. Cómpre lembrar que estes tres colectivos foron os que resultaron atacados na madrugada do pasado sábado con artefactos explosivos e que padeceron tamén varias sabotaxes de menor impacto.
O detonante dos feitos de hoxe foi que a minoría tentara de novo fornecer os mercados sen respectar
a decisión da maioría de compañeiros. A resposta foi unha concentración de varios centos de bateeiros que se sentiron literalmente ofendidos coa decisión e acordaron impedilo. Para elo non dubidaron en empregar a forza, mesmo unha violencia que se podería cualificar como de defensa dos seus intereses. A situación tornouse extremadamente crítica por momentos e o panorama tinguiuse de caos, con disturbios nas inmediacións do porto, lanzamento de pedras e outros obxectos, queima dun camión e mesmo a colocación dun explosivo nun contedor de lixo.
En fronte, e ben gustosos de participar neste tipo de actos, os antidisturbios e demais “corpos de seguridade”. Tomaron as instalacións e empregáronse a fondo no desaloxo dos manifestantes. Non dubidaron en cargar violenta e desproporcionadamente como adoitan facelo neste tipo de situacións. O resultado son varios feridos (entre eles catro gardas civís), identificados e mesmo un manifestante detido.
Por parte da Consellaría de Pesca (alarmante pasividade a doutra das conselleiras máis ineficaces deste Goberno) condenáronse axiña as accións violentas pero en ningún momento a actuación policial. A represión é unha arma que manexa á perfección o PSOE. Hai convocada unha reunión para mañá entre as partes á procura dunha solución a un conflito que non é novo, pois os problemas coñécense xa dende polo menos o pasado mes.
A solución é a que sería aplicábel a outras situacións semellantes, como os produtos do agro e nomeadamente o sector leiteiro. O abuso dos intermediarios e o lento afogar dos produtores en orixe fai que o traballo non sexa rendíbel e as condicións se volvan insostíbeis. Os beneficios da distribución multiplícanse ao tempo que os dos produtores mingúan e mesmo desaparecen. Unha outra consecuencia máis deste sistema depredador e salvaxemente capitalista cuxa única razón de ser é a multiplicación das contas de resultados das grandes multinacionais apoiándose na debilidade dos máis desfavorecidos.


Chúzao
del.icio.us
