Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

en galego

19/09/2008 GMT -6

CRISE: A CREBA DUN SISTEMA (I)

augasceives @ 09:33

O noso analista Alberte Outeiro reflexiona en dúas achegas sobre a crise económica mundial afastándose das típicas e repetidas coas que se nos bombardea e que inciden en pequenos matices mais sen procurar o fondo do problema. Analisa,j nesta primeira parte, os fundamentos nos que se basea un modelo social claramente fracasado.

 

É habitual mirar cara aos Estados Unidos para tentar explicar os porqués da crise mundial que estamos a padecer. As análises dos expertos coinciden en situar alí a cerna da situación económica mundial e extrapolar despois para explicala en contextos ben europeos, ben estatais e, finalmente, en Galiza. Lóxico, se reparamos en que alí está o corazón do sistema capitalista que se impuxo e que mantén ao mundo baixo as súas gadoupas. Todas cantas decisións se toman alí teñen, dun ou doutro xeito, antes ou despois, repercusión no resto do planeta.

Esta é a crise dun sistema, dun modelo socioeconómico enormemente inxusto e intolerabelmente depredador. É a creba da instauración por parte duns poucos dunhas condicións que tan só os benefician a eles e prexudican gravemente á maioría. Esta é, simplificada e resumida, a definición do capitalismo. Fuxiremos de procurar respostas macroeconómicas nos grandes tecidos a nivel mundial. Podemos ficar nas estruturas que vemos máis de preto e daremos igualmente con claves para explicar moitas cousas nas que xa era doado reparar noutros tempos nos que non falabamos de crise.

Un dos sinais de identidade deste sistema ultraliberal é que as consecuencias negativas han repercutir sempre nas clases baixas da pirámide social, nos traballadores e traballadoras e nas familias alleas ás crebas de grandes bancos e compañías nos EUA. O modelo imposto aniquilou os sectores produtivos, afogando deste xeito aos que vivían deles. Fixo multiplicar os beneficios dos intermediarios e das grandes superficies de venda final, contribuíndo deste xeito ao exterminio do comercio local e das pequenas áreas.  A liberdade de mercado tenlle asestado golpes letais, no caso de Galiza, ao peixe, ao marisco, ao leite, etc. en beneficio deses mesmos produtos chegados dende fóra facéndoos pasar por mercadoría de primeira calidade. Deu vía libre á carreira da especulación en poucos anos, fomentando o sector da construción e facendo agromar grandes fortunas nos petos de construtoras, promotoras, inmobiliarias… Todos eramos conscientes de que o modelo de construción de vivenda en comparación co crecemento vexetativo era simplemente insostíbel, ao tempo da desproporción entre prezo de venda e custe da propia edificación. Isto xerou unha vizosa dependencia do sector da construción, configurándose como piar fundamental do emprego.

O resultado de mesturar estes factores non é outro máis cá vertixinosa evolución das contas de resultados das grandes empresas (especialmente dos sectores vencellados á construción e derivados) e bancos. Mais a boa marcha das empresas non significa a mellora das condicións laborais e salariais dos traballadores e traballadoras; máis ben ao contrario, xa que a perda de poder adquisitivo é constante e a suba de soldos unha simples falacia. As clases da parte de abaixo da pirámide social son as que sosteñen ao propio modelo social, que tamén artellou os medios “legais” para a súa longa vida. Ten argallado numerosos xeitos de apertar a soga, como un sistema fiscal que prima as maiores rendas e que afoga aos pequenos “contribuíntes” con impostos indirectos salvaxes, a multiplicación dos métodos de recadación (por exemplo, multas e sancións de tráfico ou doutra caste calquera), a privatización de servizos básicos, etc. Isto xera unha presión “contributiva” que non constitúe máis ca o roubo legal.

O modelo neoliberal caracterízase por ser agresivo non só coa clase obreira e cos constituíntes da base piramidal, senón tamén co medio ambiente e cos recursos naturais. Enténdeno como un xerador de riqueza máis, non merecente de ser respectado ou protexido. Algo que pode ser propiedade do máis forte, do máis rico ou do que primeiro chega. Así, as costas poden ser sacrificadas en prol dos intereses turísticos que han xerar riqueza para os menos, as praias poden ser asentamento de vivendas de luxo, as carballeiras poden ser urbanizábeis, os montes poden ser mudados a campos de golf, os ríos poden ser contedores de encoros e así un longo etcétera de exemplos de actividades cuxo único fin é o enriquecemento duns poucos apoiándose no que é de todos, na herdanza común que recibimos e que temos a obriga de conservar.

No sistema imposto, o poder político non é máis ca un pequeno boneco en mans dos grandes grupos económicos, que xa non se ancoran nunha actividade determinada senón que ocupan un amplo abano que inclúe, de xeito preferente, os medios de comunicación. O chamado cuarto poder é vital no mantemento do sistema, pois encárgase de manter as mentes atordadas despreocupándoas da verdadeira realidade e dos problemas reais que lles afectan. Co control axeitado da información calquera feito se pode tornar en algo positivo, negativo ou superfluo segundo conveña.

Mais non todo está conquistado. Para eses casos o sistema dispón de ferramentas o suficientemente contundentes como para ir amornando a resistencia. A violencia legal pode aplicarse en distintos casos e en variadas circunstancias. A un Estado disidente ou “non aliñado” que posúe intereses que o Capital pode cobizar (ben sexan enerxéticos, sociopolíticos ou doutra orde), pódenselle aplicar “guerras preventivas” ou invasións mediante bombardeos intelixentes. Se trocamos a escala, a represión policial no nome da orde, da xustiza e da democracia pode esmagar pola forza calquera tentativa de movemento cívico ou social xa sexa organizado ou espontáneo que cuestione os procederes establecidos. Tamén existe a violencia non física, igual de agresiva e destrutora pero máis sutil e vestida de “xustiza”. Esta sempre bate nos dereitos dos traballadores, nas culturas e linguas minoritarias, nos pobos por conquistar, nos sectores produtivos primarios, nos máis desfavorecidos, etc.

Comentarios non permitidos para este Post

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis