CRISE: A CREBA DUN SISTEMA (II)
Alberte Outeiro remata a súa visión nesta segunda achega apostando directamente cara ao fondo e propoñendo a remuda dun modelo social claramente fracasado. Sinala sen complexos aos culpábeis: tanto aos que permiten os malabarismos arriscandos nas alturas como aos que dende posicións máis próximas insisten en seguir beneficiando aos máis beneficiados.
Nestes tempos nos que acotío se nos presentan datos económicos que convidan ao pesimismo, agroman as análises de expertos que achegan ideas encamiñadas á solución da crise. Os dirixentes anuncian tamén medidas contra a situación económica para a que
empregan distintos cualificativos segundo sexan goberno ou oposición. Mais en ningún caso se pon en cuestión o modelo social, agás de parte dalgunha organización ou entidade que mantén unha perspectiva verdadeiramente socialista e de esquerda. Todas as propostas falan de teorías de manual de facultade. Séguese a falar de impostos, investimentos, orzamentos e demais termos dos que se poderían aumentar ou diminuír porcentaxe.
Malia que varíe a linguaxe e a forma de expresalo, a opción das grandes formación políticas (fagocitadas polo neoliberalismo e cuxas políticas económicas non se distinguen para nada) é coincidente, pois en ningún caso se propoñen reformas reais e verdadeiras deste sistema no que están cómodos tanto eles como os grupos que na sombra os financian e controlan, aos que nos referiamos antes. Temos escoitado falar estes días de inxectar millóns de euros para reflotar o sector da construción, de financiar e axudar aos grandes empresarios, de “salvar” bancos ou grandes grupos empresariais que “estiraron o pé máis do que daba a manta”… mais nunca de mirar polos dereitos dos traballadores en tempos difíciles, mais nunca de incrementar o poder adquisitivo dos que verdadeiramente (sábeno) manteñen a xirar a roda do sistema.
As institucións financeiras e bancarias meirandes ocupan estes días as primeiras dos xornais con novas que falan da inxección de millóns de euros ou dólares para facer reflotar as bolsas do mundo. Isto non vén máis ca a adiar a solución, xa que deste xeito os grandes grupos bancarios poden continuar apostando na ruleta da especulación mundial. Non hai sinais que indiquen que se vai atinxir o verdadeiro fondo do problema, que non é outro máis cá circense regulamentación que permite a especulación nas altas finanzas e dos rendíbeis xogos a altos niveis. Hai voces que apuntan directamente aos Bancos Centrais por permitiren e promoveren os arriscados xogos dos bancos. Os fundamentos neoliberais do sistema que non atopan euros nos seus petos para adicar a axuda humanitaria e a salvar vidas e si fornecen indiscriminadamente de orzamento para salvar aos delincuentes en perigo.
Os gobernos non van ousar contradicir aos poderes económicos mundiais. É desprezábel que coñezan as verdadeiras solucións pero que se neguen a aplicalas. É o chamamento, a xustificación para un levantamento mundial das clases baixas e oprimidas por este tecido asasino que nin contempla o mirar de esguello cara a outro lado que non sexan as súas cínicas gráficas de beneficios. Que así sexa!


Chúzao
del.icio.us
