Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

# Augas Ceives

pola nosa lingua_en pé

23/09/2008 GMT -1

O LEITE POLO CHAN, AO IGUAL CA O SEU PREZO

augasceives @ 15:37

A crise dos sectores produtivos de Galiza é unha evidencia que se consolida e multiplica co momento económico xeral que estamos a vivir. A reacción dos directamente afectados (prexudicados somos todos) maniféstase en accións que puntualmente adquiren unha contundencia tal que asaltan a tranquilidade do clima de concordia que imaxinan os gobernos. No día de onte, gandeiros galegos asaltaban un camión que transportaba leite procedente de Portugal e vertían un total de 25.000 litros como sinal de protesta contra unha das principais causas do afundimento dos prezos en orixe: a importación de produtos estranxeiros que despraza dos mercados aos autóctonos.

 

Os feitos aconteceron en Outeiro de Rei, cando un camión procedente de Portugal e con destino ás instalacións dunha compañía leiteira galega foi interceptado polos gandeiros que deitaron a mercadoría que transportaba. A protesta estaba convocada polos tres sindicatos agrarios. A importación de produtos como o leite é unha das principais causas do aniquilamento do sector, pois os prezos mínimos destas transaccións fíxanse como os referentes que as grandes compañías lles pagan aos propietarios das explotacións. O prezo final que pode acadar o litro de leite nunha grande superficie comercial multiplica desproporcionadamente o que cobran os gandeiros que viven do seu traballo.

En contra das interpretacións desacertadas de moitos, esta acción non é contra o leite portugués en concreto, nin sequera contra a entrada de produtos portugueses no mercado galego. De facto, a televisión pública galega recollía hoxe mesmo que a reacción dos gandeiros lusos era de comprensión con respecto ás protestas desta beira do Miño. Son conscientes de que o leite portugués non é nin a primeira ameaza, senón que diante está o francés. Mais o cerne da cuestión segue sen ser a procedencia ou a nacionalidade dos produtos en cuestión chegados até aquí. Esta é unha reacción contra os abusos das industrias que afogan cos seus mínimos prezos ás explotacións gandeiras. É a loita dos pequenos contra os grandes que os asoballan e desequilibran intencionadamente o mercado interno. A loita pola supervivencia.

Comentarios non permitidos para este Post

Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis