CARA A OFICIALIDADE: PREPARADAS!!!
O vindeiro luns 29 comeza en Reus (Països Catalás) o Mundial Feminino de Fútbol Sala. Ceibe das
gadoupas politizadas e instrumentalizadas da organización europea dominante dese deporte (UEFA), van participar neste Campionato do Mundo as representantes de nacións que non teñen cabida nos rexistros oficias. Entre elas, Galiza. Pobos que carecen de recoñecemento tanto a nivel social coma deportivo han poder competir en igualdade de condicións con outros equipos que representan estados de todo o planeta. Xa bouran os mecanismos propagandísticos da xenreira españolista!
Do Estado Español ha estar tamén representada Catalunya, organizadora. A listaxe de participantes complétana Arxentina, Australia, Bulgaria, Bélxica, Colombia, Italia, Paraguai, República Checa, Rusia e Venezuela. No puramente deportivo, as nosas xogadoras atópanse xa aloxadas na cidade anfitrioa. Ficaron encadradas nun dos grupos máis complicados pola potencia das rivais: Rusia e Brasil.
Noutra orde de cousas, os medios españolistas recollen con indignación a nova. O nacionalismo español excluínte (queixábanse cando nós non apoiabamos á española) ruxe contra o evento e desprézao, acusa aos promotores de “manobras políticas” e inza de falsidades os seus comentarios cheos de xenreira. Mais non son só os habituais, xa que os considerados “deportivos” saltan tamén ao terreo das valoracións políticas tal que se foran analistas de prestixio. Hoxe mesmo, un medio madrileño e ultranacionalista cualificaba o evento como “Mundial pirata” e mesmo sinalaba como culpábel ao propio Presidente da Federación Española de Fútbol Sala, o galego Luis Pena.
Non aturan ollar alén da súa “roxa”, que forzosamente nos ten que representar a todos e todas e que necesariamente ten que servirnos como motivo de ledicia nas súas vitorias e de tristeza nas súas derrotas. Rexeitamos enerxicamente o xugo deportivo español e as mentiras cómicas dos pseudoinformadores madrileños. Saudamos os logros conseguidos pola Dirección Xeral para o Deporte (Consellaría de Cultura) no tocante aos pasos cara a normalización do noso deporte e o percorrido cara o obxectivo final, que non é outro máis ca oficialidade en todas as modalidades deportivas. Do mesmo xeito, denunciamos a lamentábel imaxe da web da Federación Galega de Futbol Sala, xa non polos contidos e pola total ausencia de referencias ao Mundial senón tamén por atoparse integramente en idioma alleo.
Adiante Galega de Futsal!!!
Sorte rapazas!!!
Oficialidade!!!


Chúzao
del.icio.us
