MÁIS ACCIÓNS CONTRA O "LEITICIDO" GALEGO
Seguen as protestas dos gandeiros galegos pola crítica situación do sector. En concreto, polo
insostíbel prezo do leite que está a padecer as consecuencias da competencia desleal das importacións de leite de fóra do País. Son principalmente os prezos do leite portugués e francés os que ameazan o produto autóctono. Hoxe mesmo, representantes dos tres sindicatos agrarios levaron a cabo unha acción simbólica en Lalín, nunha área comercial galega que contribúe coa venda de leite francés ao afogamento dos produtores.
As accións de protesta comezaron a pasada semana en Outeiro de Rei, cando os gandeiros asaltaron un camión que transportaba leite de Portugal cara a unha industria láctea. A repercusión desta protesta foi notoria e fai que a sensibilidade pública se acentúe algo máis en solidariedade e en acción de xustiza: o obxectivo é concienciar para mercar preferentemente leite galego.
Os principais responsábeis das organizacións agrarias falan da total unidade do sector contra as manobras comerciais especulativas que esmagan as explotacións leiteiras galegas. Ademais, non teñen reparos en sinalar aos culpábeis, coma Leite Río, que fixan autoritariamente os prezos que lles han pagar aos gandeiros. Falamos dun sistema verdadeiramente medieval, onde o que recolle o leite establece canto ha pagar pola mercadoría segundo lle pareza, sen atender a ningún criterio de xustiza e deixando no aire a economía do produtor. É impropio destes tempos que se permitan este tipo de intercambios comerciais, onde o produtor está en mans das grandes empresas lácteas que actúan única e exclusivamente en función dos seus intereses.
Agardamos, con incerteza, que os anunciados contratos que establezan un prezo xusto entre industrias e gandeiros sexan axiña unha realidade que achegue estabilidade ao sector. A Consellaría do Medio Rural ten publicados na súa web os preocupantes datos que falan do descenso imparábel dos prezos do leite. Se coñecemos o problema e temos a solución, o que falta é verdadeira vontade e determinación para enfrontarse ás grandes empresas.


Chúzao
del.icio.us
