Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

# Augas Ceives

pola nosa lingua_en pé

30/09/2008 GMT -1

GUSTOSAMENTE PAGAMOS PARA QUE NON LLES FALTE DE NADA

augasceives @ 23:23

A actualidade vén marcada no ámbito estatal pola presentación dos Orzamentos Xerais do Estado. En Galiza, cada delegación dos partidos estatais traslada a valoración que lles mandan dende Madrid (inmellorábel para o PSOE e catastrófica para o PP). Pola súa banda, o BNG exprésase en función do que considere lle pode beneficiar máis (en portas dunha Asemblea Nacional amósase descontento). Despréndense algúns curiosos datos que podemos comparar con outros para saber un pouco mellor en que se van (mal)gastar os nosos impostos o vindeiro ano.

O primeiro deles é que fican conxelados, é dicir, sen aumento, os soldos dos altos cargos das institucións do Estado. Así, o Presidente do Goberno non cobrará máis ca os 91.982,40 euros que en doce mensualidades cobra este ano. Do mesmo xeito, tampouco a Vicepresidenta nin o Vicepresidente verán como medran este ano os seus 86.454,36 euros anuais. Tamén se prorrogarán os soldos dos demais altos cargos dos distintos ministerios. Sen dúbida, unha medida de austeridade que contribuirá a aliviar un pouco os gastos do Estado fronte á crise económica que padecemos (así, en primeira persoa)…

O que non conxela o Goberno de España, senón que arrefría o sentido ao ouvilo, é a partida destinada á Casa Real. E din que aumenta menos ca o ano pasado, só un 2,7% cando hai agora un ano estableceran o incremento nun 4,5%. A Constitución (a que fala de que todos somos iguais ante a lei, que temos unha manchea de dereitos e liberdades…) di que lle corresponde ao Rei de España “unha cantidade global para o sostemento da súa familia e da súa casa, e distribúe libremente a mesma”. A cantidade global que considera o Goberno do Estado que precisa ese cidadán para o sostemento da súa familia e da súa casa é, nin máis nin menos, ca de 8,9 millóns de euros.

Case ao tempo coñeciamos máis datos elaborados en Madrid e que extrapolamos para analizalos en clave galega. O Ministerio español de Vivenda e o Consejo de la Juventud cruzaron estatísticas para avaliar que porcentaxe do salario medio dun mozo sería preciso para pagar unha vivenda. Antes, cómpre sinalar que o establecido polo Ministerio para evitar o endebedamento excesivo é un 33% do salario, e recomenda o alugueiro de VPOs sinalándolle ás administracións autonómicas que ese debería ser o máximo a pagar. Mais a realidade é ben distinta. Os mozos galegos que queiran hipotecarse na compra dun piso deben dedicarlle unha media do 71,9% do seu soldo mensual. Naquelas CC.AA. con maior prosperidade no que a datos socioeconómicos se refire, esa porcentaxe chega a situarse por enriba do 100%. Sinxelamente cómico. Isto é debido aos desorbitados prezos das vivendas e dos comparativamente ridículos soldos. De feito, e se os cálculos do Ministerio se levaran á práctica, ese 33% do salario medio chegaría para vivir nun piso de menos de 36 metros cadrados.

Comentarios non permitidos para este Post

Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis