XA ESTAMOS NA LOITA POLO TÍTULO MUNDIAL!!
Galiza clasificouse para cuartos de final do Mundial de Fútbol Sala que se está a disputar en Reus. As mozas do noso equipo nacional dependían do resultado do partido de hoxe entre Rusia e Ucraína, que rematou coa vitoria das rusas por 4 – 2. O venres disputarán a eliminatoria fronte ao combinado arxentino.
Segue a ser unha tarefa moi complicada saber do que está a acontecer en Reus, é un evento silenciado e case “mediaticamente clandestino”. Botamos en falta moita máis achega de portais e colectivos galegos presuntamente comprometidos co discurso da reclamación da oficialidade para as nosas seleccións deportivas.
Mañá será xornada de descanso e na tarde da vindeira sexta xogaranse os catro encontros dos que sairán as seleccións que loitarán por estar na final. Son os seguintes:
17:30 > Rusia – Venezuela
19:00 > Arxentina – Galiza
20:30 > Australia – Catalunya
22:00 > Colombia – Paraguai
O sábado xogaranse as semifinais e o domingo a gran final. Pase o que pase de aquí até o final, o equipo galego xa colleitou un enorme éxito e o noso país unha importante vitoria. A Selección Galega de Fútbol Sala está loitando polo título mundial: iso é un feito dun valor enorme malia que non sexa visto como tal. Se cadra, o feito de obvialo é un síntoma da importancia que ten.
Adiante!!!!


Chúzao
del.icio.us
