Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

en galego

04/10/2008 GMT -1

DA CULTURA QUE NON SE FALA, A CULTURA QUE NON VENDE

augasceives @ 14:19

Dende onte venres e até mañá domingo estase a celebrar a VIII edición do Certame Provincial de Bandas de Música Populares da Provincia de Pontevedra, en maiúsculas por suposto que si. Non é un evento polo cal se lle encha o papo ao falar aos nosos “ilustres e democráticos representantes da Cámara galega”senón que máis ben é unha festa para os Músicos do País.

Falamos dunha romaría que xuntará durante 3 días a un milleiro de participantes, e 24 agrupacións musicais pontevedresas. Afirmando con rotundidade que non é nada doado atopar convocatoria semellante  en  participación; nin sequera en calquera tipo de deporte, ora ben, no referido á difusión, acaparación mediática ou ao recheo de columnas xornalísticas téñeno todo perdido as nosas bandas de música.

 

 Pero, que é iso do Certame Provincial?

Desde hai 7 anos vense a celebrar, no marco do Pazo da Cultura de Pontevedra, unha sana competición entre as bandas de música populares da provincia de Pontevedra. O  que non deixa de ser a Maior das Romarías da provincia, durante a fin de semana dos días 3, 4 e 5 de Outubro un total de 21 agrupacións mediranse en 4 seccións distintas atendendo ao seu número de integrantes;  as 3 agrupacións restantes e fóra de concurso procedan ao peche e clausura de cada xornada como invitados de honra.

Pero  quen paga tal romaría? Cultura, Xuventude…craso erro! Pódese dicir e sen lugar ningún a dúbida que está case financiado na súa inmensa totalidade pola Fundación Caixa Galicia, para exemplo dos poderes públicos en  “apoio á cultura”.  Un apuntamento de números moi sinxelo, as 21 bandas participantes repartiranse en concepto de participación e premios a cantidade exacta de 78.500 €, unha simple faragulliña, pois non existe accésit nin dotación económica que sufrague o incansábel traballo nin o indiscutíbel bo facer destes soportes vivos da nosa tradición musical popular.

Vaiamos aos verdadeiros protagonistas; un milleiro de mozos e mozas que demostrarán como cada ano, para escarnio de certo tipo de medios de descomunicación e colectivos afeitos a criminalización sistemática da xuventude, unha maxistral lección. 

A música é máxima expresión da cultura popular.

 

Na terceira sección, composta polas bandas de música de 35 até 45 integrantes mediranse os rapaces e rapazas da Banda de música de Chapela, Banda Escola Unión Cultural de Campo Lameiro, Unión Musical de Cabral, Banda de Música Cultural de Mondariz, Agrupación Musical Unión de Lantaño e mailo Ateneo Musical de Bembrive. Clausurará a primeira xornada de competición do día 3 de Outubro o Cuarteto “Trombotuba”.

No día 4, a segunda sección para as Agrupacións de 46 até 60 músicos, competindo a Banda de Música Municipal de Agolada, a Banda de Música Popular de Tui, Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia, Banda de Música de Xinzo de Ponteareas, Agrupación Musical de Belesar, Banda de Música Xuvenil de Torroso e maila Banda Municipal de Caldas de Reis.

E sen tempo de coller folgos, a primeira sección onde compiten Bandas de 61 até 80 interpretes, quenda da Agrupación musical de Vincios, Banda de Música de Catoira, Banda Municipal de Valga, Banda de Música Recreativa e Cultural da Bandeira e Asociación Cultural Musical de Ponte Ledesma, poñendo o broche de ouro e peche maxistral á xornada a Banda de Música de Pontevedra, como anfitrioa e fóra da competición.

Finalizando o magnánimo evento no Domingo día 5, mediranse con toda a súa paixón musical as enormes bandas sinfónicas de 81 até 115 músicos da Unión Musical de Valadares, A Banda Artística de Merza e maila Banda de Música de Lalín pechando o día e maila  Festa o  grupo de metais  moderno “Nié”.

A dinámica do Concurso é máis ben sinxela, cada banda participante interpretará, un pasodobre de presentación, unha obra obrigada en cada sección e unha obra da súa libre elección para acadar a máxima cualificación dun xurado que estará composto polos seguintes membros  de nivel nacional e internacional:



 


As bandas de música inscritas interpretarán como obras obrigadas as seguintes:

 

Sección Especial: Dutika Mere (Costa da Morte), Xulio Montero

Sección Primeira: Variacións Sinfónicas para nenos, Xosé Luís Represas

Sección Segunda: Pontus Veteris, Ángel A. Montes

Sección Terceira: Os sons do camiño, F. García Furtado

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

No apartado das obras de libre elección só cabe resaltar que case o cento por cento das obras elixidas son de compositores alleos á Galiza ou á cultura musical galega grazas á inescusábel colaboración da administración galega e ao seu penoso apoio á produción de obras de compositores ou temática galega.

Outro día será no que se fale de moitas máis destas cousas , por exemplo para finais do mes de Novembro cando se celebre o II Certame Autonómico, a máis importante xuntanza de músicos do País, ou incluso o XXXVII Certame de Bandes Vila D'Altea (Alacant), onde se baterá a nosa única representante, a Banda Artística de Merza (Pontevedra – Galiza) a tres Agrupacións internacionais de recoñecido prestixio como son

  • Associaçao Musical e Recreativa de Vilela (Vilela PRD - Portugal)
  • Unió Musical Santa Cecilia de Villar del Arzobispo (Valencia - Països Catalàs)
  • Kanagawa University Symphonic Band (Yokohama - shi - Xapón) 

  Ánimo e sorte e todas!

Comentarios non permitidos para este Post

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis