Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

en galego

05/10/2008 GMT -1

VITORIA E SUBCAMPIONATO DO MUNDO

augasceives @ 17:46

Galiza caeu na final do Mundial de Reus por 4-0 fronte á anfitrioa Catalunya. Deste xeito, a primeira participación oficial dunha selección nacional galega sáldase cun Subcampionato do Mundo. Non foron inferiores as galegas neste derradeiro encontro, mais as catalás estiveron máis acertadas e amosaron unha efectividade determinante. Malia o resultado de hoxe, este Mundial é unha vitoria fóra e dentro do campo. Parabéns e adiante! Felicitats i endavant!

O resultado non describe con exactitude o que foi o partido. Galiza tivo o control do partido durante máis tempo cás catalás, pero estas tiveron o acerto de marcar aproveitándose de varios contragolpes. O noso equipo errou diante da portería contraria e o resultado ao descanso era de 2-0. Aínda así, a sensación non era nin moito menos de resultado definitivo pois un gol das galegas daríalle outro aire ao partido. Pero ese gol non chegou. Xa contra o remate do encontro, coa Selección Galega “envorcada” á procura do gol chegaron dúas contras nas que as xogadoras locais certificaron o resultado final de 4-0.

Silvia Aguete (Leis), Claudia Rodríguez (Burela), Paloma Vilar (Leis), Begoña Fraguas (Leis), Ana Rivera (Verín), Carmen Pérez (Mosteiro), Laura Pérez (C. Burgas), Lucía Álvarez (C. Burgas), Sonia Pacios (C. Burgas), Iria Saeta (C. Burgas), Cecilia Puga (A Combarro), Paula Gómez (Verín), Dolores Sánchez (Burela) e Gema Vidal (Leis) son as catorce xogadoras que teñen xa un lugar privilexiado na Historia do Noso Deporte. E non só por convertérense en Subcampioas do Mundo de Fútbol Sala, que é un fito impresionante, senón por seren as nosas primeiras representantes nunha competición oficial a nivel internacional. Deron a sorpresa e axiña se recompuxeron da derrota inicial fronte a Rusia, unha das favoritas (foi eliminada en semifinais por Catalunya). Venceron a Ucraína e clasificáronse para os cuartos de final, onde se cruzaron con outro potente combinado, Arxentina. Logo de esmagar á selección sudamericana, enfrontáronse a outro equipo da América Latina, Colombia, da que se desfixeron con moitos apuros para chegar ao derradeiro partido, a final de hoxe.

Non cansamos de repetir a desprezábel actitude dos medios comerciais galegos, tanto subvencionados coma públicos. Ignoraron o evento e silenciaron o feito histórico de que unha Selección Galega competira internacional e oficialmente. Desprezaron ás xogadoras e ao País que os está mantendo. Foi realmente complicado seguir as evolucións do noso equipo no Mundial de Reus, especialmente na fase de grupos. A televisión e a radio pública galegas comezaron a informar minimamente e de esguello cando Galiza chegou a semifinais, sempre obviando o feito histórico da representación oficial e referíndose única e exclusivamente ao estritamente deportivo. A “nosa” televisión retransmitiu en directo a final pola súa canle dixital, é dicir, para unha pequena parte da audiencia galega, non para todo o País. Non podemos atopar información nos principais xornais escritos, malia afirmaren eles que traballan polos intereses de Galiza. A cobertura e promoción por parte das institucións e dos representantes políticos foi cativa ou nula.

Quedámonos co feito de termos rachado unha barreira máis, subido un chanzo con paso máis ca firme, co aval dos resultados sobre o terreo de xogo e coa seguranza do potencial amosado. Curiosamente, e aínda que poida parecer contraditorio, interpretamos como moi positivo o feito de que o españolismo mediático silenciara, ignorara e mesmo atacara a nosa participación neste evento.

Comentarios non permitidos para este Post

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis