AS SÚAS SOLUCIÓNS Á NOSA CRISE
Esta fin de semana pasada viamos nos medios empresariais a xuntanza en París dos catro “líderes” das principais potencias económicas de Europa supostamente para buscarlle solucións á crise económica. Sobre a mesa, os grandes problemas financeiros e as posíbeis crebas de grandes bancos. Na liña do ideado polo hábil Presidente dos E.U.A., a solución boa é a de socializar as perdas e os problemas, despois de ter privatizado as ganancias… Fronte ás dificultades que eles mesmos crearon, os que moven os fíos apostan por redobrar a ofensiva neoliberal. Mañá haberá mobilizacións convocadas pola CIG nas principais cidades galegas.
Proba evidente, ademais deste tipo de novas que acotío vemos, está a Directiva Europea de Tempo de Traballo (máis coñecida como “a das 65 horas”). Esta nova normativa cruenta e infame foi aprobada polo Consello de Emprego (conformado polos Ministros de Traballo de cada Estado da UE) o pasado mes de xuño. Agora terá que ser debatida no Parlamento Europeo nos vindeiros meses, e albíscase a súa aprobación antes de fin de ano. A seguir, cada Estado disporá dun prazo concreto para adaptala á súa propia lexislación.
Esta Directiva supón unha agresión violenta aos dereitos dos traballadores conqueridos e consolidados en pleno século XXI. Pódese resumir cuns breves trazos para comprobar a súa natureza: permitirá traballar até 65 horas semanais, sen especificar os descansos entre xornadas nin límite de horas ao ano (pretende deixar a posibilidade de compensar cada semana as diferenzas de horas traballadas); eleva ao empresario a unha posición vantaxosa de aínda máis forza con respecto ao traballador á hora de asinar o contrato, podendo este “aceptar voluntariamente” (xa sabemos o que isto significa) con independencia do convenio e doutras circunstancias da negociación colectiva; para determinados sectores, preténdese que o período inactivo de traballo no que non se atenda de xeito continuado non sexa considerado como tempo efectivo de traballo (por exemplo, nas gardas médicas, o tempo no que non se atenden pacientes non sería considerado como traballado). Son só tres dos puntos estrela da nova normativa coa que os nosos representantes nos queren agasallar.
O texto en si supón un retroceso de máis de douscentos anos. No Estado Español, a xornada semanal de 40 horas está vixente dende 1979. É ben certo que a práctica di que segundo en que sectores esas oito horas diarias son pura utopía. Legalizar as 65 horas semanais podería levar a non sabemos moi ben cantas na realidade; en definitiva, unha volta máis á torca que nos esgana.
Estas son as súas receitas fronte á crise, fronte á nosa crise. Non agardamos un xiro cara á modificación do sistema, do reparto da riqueza, da racionalidade e demais, pero o que si nos colleu desprevidos e este atentado legal contra a clase traballadora. Fronte a isto, o único camiño é a oposición firme, a loita polos nosos dereitos e a unha contundencia nas respostas que ten dado froitos. A súa determinación é clara e só pode verse en dúbida coa acción decidida dos que imos ser afectados e afectadas. En Galiza, a CIG ten convocadas mobilizacións nas principais cidades do País esta terza 7 de outubro. Velaquí sitios e horas:
-
A Mariña: Ás 11:00 horas no concello de Cervo.
-
A Coruña: Ás 12:00 horas diante da Subdelegación do Goberno
-
Ferrol: Ás 12:00 horas diante do edificio da Xunta de Galiza na Praza de España.
-
Lugo: Ás 12:30 horas diante da Subdelegación do Goberno.
-
Ourense: Ás 11:30 diante do edificio sindical
-
Pontevedra: Ás 12:30 horas diante da Subdelegación do Goberno.
-
Compostela: ás 12:30 na Praza de Galiza.
-
Vigo: ás 12 saída de diante do Pavillón do Berbés.
Agardamos as respostas dos sindicatos estatais que tanto falan dos dereitos, de pactos e de diálogos. Os que sentan e asinan atados a intereses varios. Desexamos que poidan aproveitar a boa relación que manteñen con quen vai sentar no Parlamento Europeo e votar dun ou doutro xeito para convencelos e facer valer os dereitos dos traballadores. Mais desconfiamos…
Polos nosos dereitos, á rúa!!!



Chúzao
del.icio.us
