Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

CausaGaliza

08/10/2008 GMT -2

A ESCENIFICACIÓN (2008)

augasceives @ 16:24

Parlamento GalegoO principal síntoma de fraqueza do Parlamento Galego é a escaseza de alternativas, a presenza de tan só tres forzas políticas. Só tres opcións con representación institucional non poden abondar para incluír as sensibilidades de Galiza no seu principal órgano de representación cidadá –segundo reza a teoría-. Estase a celebrar no Pazo do Hórreo o Debate sobre o estado da Autonomía e a sensación xeral que temos ao velo ou ao escoitalos é que falan doutro País, dun pobo que non é este, distinto, con outros problemas e outras necesidades. Dunha realidade allea e totalmente distinta á que vivimos.

 

dos falantes

O primeiro a salientar é a modestísima calidade política e ideolóxica dos representantes dos grupos. Co tempo, o Parlamento perdeu altura política e habilidade dialéctica nos enfrontamentos. A teórica ideolóxica desapareceu por completo do panorama da Cámara Galega e os falantes amosan unha moi cativa capacidade de debate, exposición e oratoria. Xosé Manuel Beiras e Fraga Iribarne deixaron orfo de referentes ao Parlamento Galego.

A capacidade intelectual de Pérez Touriño fica en evidencia cada vez que intervén e convértese en moi dubidosa. Os méritos de Núñez Feixóo para ser o líder da formación que encabeza en Galiza seguen sen aparecer por ningures. O deserto mental e a nada ideolóxica de Anxo Quintana é suplida por doses de retranca con máis ou menos acerto que o converten nese político simpático e amábel que todo centrista querería ter por líder. Dos voceiros parlamentares mellor é non malgastar liñas, pois Ismael Rego e Ruiz Rivas son dous dos políticos galegos máis infumábeis da nosa historia. Planos, escasos de todo, lectores con dificultades e lamentabelmente aduladores cun guión escrito e baleiro de contidos. O baboso discurso de Rego cara ao Presidente Touriño, con tratamento de case fhürer é desprezábel e aburrido. Do falante do BNG Aymerich pouco positivo se pode dicir, tan só preguntármonos “por que el?”; “en que feira de oportunidades e gangas ideolóxicas foi adquirido?”. De Ruíz Rivas, iguais cuestións.

do que falan (e do que non)

Semella o Debate en ocasións un concurso cutre de televisión comercial no que os participantes tentan parecer chistosos. Alguén deu coa teoría de que a escaseza de contidos podía ser suplida con imaxinación e sorrisos, con grandes titulares para que a prensa comercial atopara o traballo feito e lle outorgara o favor a quen máis doado llo deixara. Polo demais, a descompensación democrática é inmensa, trátase dun golpeo constante e continuo do goberno contra a oposición. BNG e PSOE, máis coaligados ca nunca, cunha harmonía coidadosamente acompasada e cunha sintonía ben afinada soben ao converter en protagonista ao líder da oposición Núñez Feixóo. A suma dos tempos nos que se ataca ao PP é dunha proporción de case 5 a 1. Nin un só “recado” entre os membros do bipartito, nin unha soa concesión á obxectividade, plena entrega á destrución e derrube do xa fraco liderado de Feixóo no seo do seu partido. Pola súa banda, o indefenso Alberte vese superado pola situación, afogado polas circunstancias e ten que botar man das directrices principais que lle ordenan dende Madrid: vontade de consenso, firmeza contra a lingua e confianza na futura vitoria. Tan só acerta a repetir que el foi e vai ser o máis votado.

Os contidos dos que tratan son absolutamente alleos á realidade cotiá da poboación galega. Argumentos lonxanos e baleiros que non dan a sensación de contribuír a ningunha mellora, imaxinación dun mundo irreal que non se corresponde co que vemos e ausencia dos verdadeiros debates e cuestións que se dan a pé de rúa. No Parlamento Galego non se fala da extrema situación do noso agro, do sector leiteiro. Nin lles soan as dificultades do sector mexilloeiro. Non están ao tanto da violencia policial e das malleiras impunes coas que as F.S.E. adornan as súas intervencións. Tampouco do acoso á nosa lingua, nin dos problemas nos sistemas educativo e sanitario, nin da destrución do medio, do terrorismo laboral, etc. En xeral, ao Parlamento non chegan os movementos sociais. Para os nosos representantes non hai mobilizacións en defensa da Terra, da Lingua, en prol da oficialidade das nosas Seleccións deportivas.

Para eles seguimos a ser un pobo sumiso e calado, pendente dos seus discursos e que se nos pode enganar con facilidade e con catro frases ben ditas. Porque para eles, tan só somos os individuos aos que teñen que convencer para seguir sentados onde están ou para aspirar a cambiar de cadeira. As súas preocupacións céntranse en manter contentos aos verdadeiros poderes que teñen que ter como aliados para poder gobernar sen dificultades, por iso as súas solucións encamíñanse a contentar aos empresarios e banqueiros, porque para eles, a solución á “crise” e seguir multiplicando os erros que a provocaron, seguir incidindo nas inxentes subvencións aos culpábeis da situación. Porque para eles, os traballadores estamos para traballar e xerar produtividade que fagan máis ricos aos ricos.

Eles non contan coa resposta. E a resposta non se ha dar no Parlamento, porque alí existe consenso, tan só diferenzas de matiz para alimentar día a día esta democracia cada vez máis coxa e eivada. Eles, e por iso a ignoran, saben que a verdadeira oposición a teñen na rúa. Hoxe, os movementos sociais constitúen a verdadeira oposición, esa Galiza que falta no Parlamento. Todos os días se dan, en cada punto do País, porque existen razóns polas que mobilizarse, polas que non confiar neles.

Comentarios non permitidos para este Post

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis