Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

# Augas Ceives

pola nosa lingua_en pé

13/10/2008 GMT -2

A CRISE DA RÚA

augasceives @ 22:50

Velaquí a versión de Sabela Ferreirós sobre a crise actual. Unha análise diferente que non mira cara as grandes entreteas do sistema económico mundial, senón á rúa. Son novas as dificultades económicas para as traballadoras e traballadores? Foi para todas e todos a prosperidade económica de anos pasados?

O colapso do sistema financeiro mundial, con pé en Estados Unidos e repercusión no resto do Planeta é o alimento principal dos medios de comunicación neste outono. Como consecuencia, é o tamén o alimento principal das nosas preocupacións. Xa ninguén pon en dúbida que o impacto mundial da crise é abafante, que é unha caída histórica e mesmo hai quen se atreve a cuestionar todo o modelo socioeconómico. Temos que agradecer a esas ousadas voces e a quen lles da cobertura por darnos a oportunidade de ver ou ler algo distinto ás mensaxes predeseñadas que nos obrigan a seguir pensando uniformemente. Algunhas destas análises podemos lelas aquí mesmo, en AugasCeives.

As idas e vidas dos mercados, as crebas, as medidas anticrise, os luns negros do IBEX, as inxeccións de capital, as reaccións dos bancos centrais… Todo engorda a catástrofe e todo nos fai preocuparnos día a día, porque nos afecta (iso non está en discusión) directamente. Mais “a crise” serve tamén como escusa para xustificar outras prácticas se cadra non tan necesarias e/ou urxentes. No seu nome, moitas empresas presentan reducións de persoal e EREs innecesarios para seguir afondando nas súas estratexias. No nome da “crise”, algúns empresarios aproveitan para afogar un pouco máis os dereitos laborais dos asalariados e asalariadas.

Aínda que anunciada, apareceu cando se comezaron a facer públicas as caídas de grandes bancos e entidades financeiras ianquis e europeas. A solución non pode ser obxectiva pois é aplicada polos que amparan e manteñen o modelo que cae: non teñen reparo ningún en agasallarnos agora coas súas perdas e meternos a man no peto para pagar as súas aventuras especuladoras. Millóns para engraxar a maquinaria e que siga xirando e producindo beneficios que han ser para (só) eles.

Para nós non é nova. Moito antes de que os grandes dirixentes que moven os fíos das Bolsas comezaran a preocuparse, a nós xa non nos encaixaban varias pezas do crebacabezas. Viamos (estamos a falar de hai dous anos deica agora) como as grandes multinacionais presentaban contas de resultados que trimestre tras trimestres superábanse a si mesmas, multiplicaban os beneficios de forma desorbitada e presumían de fortaleza inquebrantábel. Os mercados financeiros batían marcas históricas todos os días. Eran tempos de bonanza e prosperidade nos que, curiosamente, traballadoras e traballadores non faciamos parte da festa e non  se contaba con nós á hora de “socializar” a situación. É máis, viamos como o noso poder adquisitivo medraba inversamente proporcional ás súas gráficas de ganancias. Caía a nosa capacidade e nós, incautas e incautos, maldiciamos a hora na que a moeda única europea chegou a nós.

A especulación urbanística que sementou de vivendas todo o País, vivendas tamén innecesarias pois o crecemento vexetativo tampouco era proporcional á construción de edificios. Construtores e promotores fixéronse ricos sen nin eles chegar a coñecer de todo a razón da multiplicación tan vertixinosa dos seus beneficios. A palabra “recualificación” foi parella e case indisolúbel da nova profesión de moda: responsábel municipal de urbanismo. O prezo da vivenda parecía un alpinista rubindo polos picos máis altos das gráficas de beneficios. As voces críticas non foron atendidas porque, malia a escandalosamente delitiva realidade, o sector mantiña as cifras de paro en niveis que facían que o Goberno aplaudira coas orellas. E xa se sabe: beneficios empresariais e desemprego en descenso igual a calma económica.

Máis a realidade era outra. O pobo non participaba de tales ledicias e a súa vida cotiá non era tan esplendorosa. A suba dos combustíbeis e da enerxía en xeral afogábanos ao tempo que o caprichoso IPC parecía minguar cando se trataba de aumentar os soldos. Algo non cadraba porque os medios de comunicación tomábano como anécdota, nas discusións políticas non estaba e como para o empresariado non era problema… O aniquilamento dos sectores produtivos primarios ou a alza dos prezos dos alimentos eran cuestións secundarias que non ían lixar o grande momento económico que vivían (si, vivían, terceira persoa). Mesmo este era explicación para o crecente número de inmigrantes que chegaban e comprobaban como “non é ouro todo o que reloce”.

O doce momento económico que seica vimos de atravesar en anos recentes non foi tal para nós. Foino para os grandes monstros e mesmo a algúns non lles chegou que calcularon mal e teñen hoxe vivendas sen vender. Agora, cando o sistema envorcou e os grandes peixes gordos viron como se lles remataba a auga o manto da crise tápanos a todas e todos. Pois ben, NÓS levamos en crise xa varios anos, mesmo cando ELES descansaban placidamente en spas e relaxantes balnearios, xogaban ao golf (aseguráronse de que non lles faltaran campos) ou gozaban de viaxes de luxo mesmo en helicópteros privados.

Comentarios non permitidos para este Post

Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis