Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

# Augas Ceives

pola nosa lingua_en pé

14/10/2008 GMT -2

DE LINGUAS ATACADAS: EXEMPLOS

augasceives @ 20:26

Un colectivo de fascistas desocupados que basea a súa existencia nunha mentira non ten outra saída que sobrevivir grazas ao favor mediático, porque na sociedade do consumismo, o produto que non se vende está condenado á desaparición. Esa mentira é a nova bandeira da dereita española e afirma que o castelán é unha lingua ameazada e perseguida nas que eles chaman “comunidades bilingües”, é polo que en Galiza incide moi especialmente. Ao abeiro do Partido Popular agroman pseudo-asociacións cuxo único fin é espallar a idea, pór atrancos no proceso normalizador e atacar ás que para eles son políticas lingüísticas de imposición do galego. A mellor maneira de desacreditalos é poñéndolle exemplos da situación real.

 

(en AugasCeives cremos que o simple feito de citar un nome é positivo para quen ten como obxectivo que se fale del ou dela. Imos seguir sen escribir o nome do colectivo cuxo mérito máis rechamante foi pasear un autobús por vilas e cidades de Galiza co obxectivo de atacar o galego (e sendo atacados á súa vez), que é a súa razón de existir. Cremos que esta referencia é suficiente para entender de quen estamos a falar)

O colectivo do que falamos anunciou que denunciará á Mesa pola Normalización Lingüística por manexar “listas negras de comerciantes”. Ao que en realidade se refiren son ás numerosas queixas que A Mesa vén recibindo por parte de particulares que dan conta de establecementos comerciais nos que non se respectan os dereitos lingüísticos. Con estes casos elabórase un informe que ilustra con casos reais cal é a lingua verdadeiramente atacada en Galiza. Velaquí algúns dos máis recentemente denunciados: unha imprenta da Coruña que cobraba máis se o traballo se lle requiría en galego no canto de castelán, xefes que lle impiden a empregados ou empregadas falar en galego con frases como a coñecida “burra, no hables lenguas menores”, un xinecólogo que non admitía o uso da nosa lingua na súa consulta, etc. En concreto, o órgano que se encarga de recompilar todas estas denuncias é o Observatorio dos Dereitos Lingüísticos.

Cómpre ter en conta que os sinalados aquí son só algúns dos moitos que acotío se recollen, e cómpre tamén ter presente que os denunciados non son a totalidade dos que en realidade se dan. Un dos que si decidiu facelo é un alumno da UNED, Héitor Mera, ao que a Universidade pública española lle rexeitou unha tese arredor do poeta cangués Bernardino Graña. O impedimento que puxo a entidade pública, suposto garante do libre acceso a unha titulación universitaria, foi o idioma no que o traballo se presentaba: galego! Alén da conculcación dos dereitos lingüísticos do afectado (neste caso, mais a agresión é a todos e todas nós), o máis indignante é que esta entidade si recibe teses en linguas como o francés, o inglés ou o alemán. Quer dicir isto que consideran máis propio unha lingua estranxeira ca a propia e primeira de cidadáns do Estado. Non é doado definir esta actitude sen caer en desprezos e palabras malsoantes cara a quen a amosa. Mais o complexo de inferioridade é un dos síntomas que máis claramente presenta esta enfermidade. Parabéns, iso si, a todos e todas que denuncian publicamente este tipo de casos nos que ningunha das normativas acordadas por unanimidade e consenso no Parlamento Galego.

Semella innecesario seguir esforzándose en pór exemplos para demostrar unha evidencia tan clara que nin quen mantén o contrario pode estar moi seguro de estar no certo. Mais estamos convencidos da necesidade de seguir combatendo estas agresións para continuar firmes na defensa da nosa lingua, que é a atacada no seu propio espazo. Nin con denuncias nin con autobuses nos van calar!!

Comentarios non permitidos para este Post

Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis