SEGUEN A CHEGAR GASEIROS Á RÍA DE FERROL: SEGUIMOS EN PÉ!
Non esquecemos que a Ría de Ferrol conta dende hai uns meses cunha bomba que ameaza o entorno e a poboación que alí vive. A instalación de Reganosa é toda a historia que ten detrás, incluídas todas as ilegalidades que se cometeron para facela posíbel, é un dos maiores atentados contra a sociedade civil e a racionalidade que se teñen cometido neste País. Mais a resistencia non se detén e a oposición segue viva: o Comité Cidadán de Emerxencia segue a convocar concentracións cada vez que un gaseiro (e van case tres ducias) se achega ás súas casas cargado de perigo. Mañá luns ás sete da tarde seguiremos a berrar Reganosa fóra da Ría!!!
O traballo deste colectivo é admirábel e o compromiso demostrado constitúe toda unha lección de dignidade fronte aos impresentábeis gobernantes. Como xa temos dito, non chegan ao Parlamento asuntos como este, non se colan entre os seus baleiros discursos e as súas continuas mentiras. Xa non é preciso repetir unha vez máis que sentimos verdadeira repugnancia polos que se nos queren presentar como protectores e interesados nesta Terra.
Agradecemos á Asociación Fuco Buxán a continua achega de información. Velaquí a convocatoria recibida:
Luns, 20 de outubro
Prevista a entrada na Ría do gaseiro nº 33,
o Comité Cidadán de Emerxencia, convoca
CONCENTRACIÓN – MANIFESTACIÓN
Edificio Xunta de Galicia – Praza Amada García
ás 7 da tarde.
Buque: "LNG Madrid Spirit" - Bandeira : España –Eslora: 284,8 m. Manga: 42,5 m. - Calado máx.: 12,2 m.– Capacidade: 138.188 m3
PLANTA DE GAS FORA DA RÍA !


Chúzao
del.icio.us